Deputación de Lugo

A Deputación colabora con COGAMI Lugo para impulsar un obradoiro prelaboral na comarca da Ulloa

JOSE TOMÉ
O Presidente asinou no Pazo de San Marcos co responsable da entidade social este acordo co que a institución provincial achega 35.000€ para facilitar a inclusión laboral das persoas con discapacidade de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, renovou o compromiso coaConfederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), asinando co seu presidente en Lugo, JoséLuis Lolo Celeiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega un total de 35.000€ para desenvolver un obradoiro prelaboral para persoas con discapacidade na comarca da Ulloa. 

A acción formativa, dirixida a persoas con discapacidade que residen nos concellos de Palas de Rei, Monterrosoe Antas de Ulla, ofrece unha alternativa formativa e ocupacional adaptada ás súas necesidades e orientada á inclusión laboral. Os usuarios e usuarias participantes realizan obradoiros de papel reciclado e papeis de augas, encadernación artesanal, serigrafía ou monicreques co fin de facilitarlles a incorporación ao mundo laboral. O obxectivo é mellorar a empregabilidade das persoas participantes, potenciando as súas habilidades técnicas, sociais e laborais, ao tempo que se fomenta a súa autonomía persoal e participación social.

Estas actividades compleméntanse con accións de terapia ocupacional e intervención social, que axudan a fortalecer a autoestima, mellorar a alfabetización funcional, adquirir competencias dixitais e fomentar a autonomía persoal e a participación activa na sociedade.

José Tomé Roca destaca que este proxecto “é un exemplo do compromiso da Deputación cunha sociedade máis igualitaria, na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades, independentemente das súas capacidades”. Subliñou ademais que este obradoiro “máis aló do aspecto formativo é unha forma de desenvolver a autoestima, a relación social e o futuro. É unha porta aberta a novas oportunidades que transforma vidas e dignifica ás persoas”.

“A colaboración con COGAMI é fundamental para avanzar na inclusión social das persoas con discapacidade, especialmente no rural, onde ás veces é máis difícil acceder a recursos formativos e laborais”, aseverou o mandatario provincial. 

COGAMI

COGAMI nace no ano 1990 para dar solución ao illamento no que vivían a maioría das persoas con capacidades diferentes, especialmente no ámbito rural. A misión de COGAMI é conseguir a plena inclusión dos seus usuarios e usuarias en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, a reivindicación do cambio social, a potenciación e a coordinación do asociacionismo, e a prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.