O Presidente pon en valor os 25 anos de traxectoria de Raiolas Lugo nun encontro coa nova xunta directiva
O mandatario provincial avanzou que “fai unhas semanas asinamos con Raiolas Lugo un convenio de colaboración de 22.000€ para colaborar co programa Intervención en contextos naturais”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, á nova xunta directiva da Asociación Raiolas Lugo (Asociación de Pais, Nais e Persoas con Trastornos do Espectro Autista e Trastornos de Comunicación Social).
O mandatario provincial aproveitou o encontro para recordar que Raiolas Lugo leva 25 anos realizando un labor “tan fundamental como necesario” na atención das persoas que padecen Trastorno do Espectro Autista e as súas familias. “Co seu traballo diario tratan de melloran a calidade de vida dos seus usuarios e usuarias buscando a súa plena integración familiar e social”.
Tomé Roca sinalou que a Deputación de Lugo e Raiolas manteñen unha estreita relación “por iso, colaboramos en numerosos proxectos como a gala solidaria Diez Raz10nes ou co Centro de Día da entidade, que cedemos e acondicionamos desde a institución provincial”.
Nesta liña, o máximo representante provincial avanzou que “fai unhas semanas asinamos un acordo de 22.000€ para colaborar co programa Intervención en contextos naturais, un proxecto co que atenden a case 90 persoas con TEA e a preto de 170 pais e nais. O obxectivo é que os usuarios e usuarias desenvolvan ao máximo as súas capacidades, facilitando tanto a comunicación como a comprensión das súas necesidades”.
Con este programa, que se realiza nos propios domicilios, a entidade lucense proporcionaralles apoio no desenvolvemento do benestar emocional, na evolución do xogo, en competencias comunicativas e de aprendizaxe, na prevención de condutas problemáticas e en habilidades de autonomía persoal. Ademais, as familias reciben asesoramento sobre pautas de interacción e de intervención en situacións de crise, así como apoio terapéutico favorecendo a creación dun clima familiar equilibrado.
Raiolas
A Asociación Raiolas nace no 2000 co obxectivo de mellorar a calidade de vida e a plena integración familiar e social das persoas con TEA ou TCS. A entidade presta un servizo psicopedagóxico e de logopedia e desenvolve actividades como obradoiros grupais, formación ou charlas. Así mesmo, conta cun programa de intervención individualizada, orientado a atender distintas áreas relacionadas coa estimulación cognitiva ou o autocontrol, e outro grupal, no que os usuarios poden compartir experiencias con outros compañeiros e compañeiras.