Deputación de Lugo

A Deputación inicia os traballos na estrada LU-P-1005 en Carballedo cun investimento de 150.000€

Carballedo
LU-P-1005
Inicio obras LU-P-1005
As obras inclúen toda a estrada desde Trasar ata Rañadoiro, pasando por Furco, e tamén inclúen o acondicionamento dun ramal de 500 metros cara a Trasar de Sabugueiro, mellorando a conectividade destas zonas do municipio

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora na estrada provincial LU-P-1005, no concello de Carballedo, cun investimento de  150.000€, co que se acometerá a rehabilitación integral dunha das principais vías de comunicación do municipio. A actuación foi adxudicada á empresa Obras e Saneamentos Galicia S.L., que executará os traballos nun prazo previsto de tres meses.

As obras abranguen a totalidade da estrada, desde o seu inicio no lugar de Trasar, na parroquia de Cartelos, ata o punto quilométrico 5,693, no lugar de Rañadoiro, xa no límite coa provincia de Ourense, atravesando tamén a parroquia de Furco. O proxecto inclúe ademais o acondicionamento de preto de 500 metros do ramal que une esta estrada co lugar de Trasar de Sabugueiro, na parroquia de Buciños, mellorando así tamén a conectividade dos lugares máis afastados.

As actuacións previstas consisten na reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe, na reparación de afundimentos localizados que comprometen a estabilidade do firme e na repavimentación completa da vía, co obxectivo de restablecer a regularidade e seguridade da plataforma de circulación. Estes traballos garantirán unha mellor conservación da infraestrutura, ademais de aumentar a comodidade e reducir riscos para os usuarios e usuarias desta estrada.

Trátase dunha vía fundamental para as comunicacións internas do concello e para a conexión entre núcleos rurais dispersos, ademais de servir como acceso habitual para os servizos e actividades agrogandeiras da zona.