Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde de Lugo asinan un convenio para investir 200.000€ no mantemento de espazos públicos

concello de lugo
José Tomé Roca e Miguel Fernández Méndez formalizaron no Pazo de San Marcos un acordo polo que a Deputación colaborará co Concello no financiamento do Plan AXIL, unha iniciativa municipal para a reposición de infraestruturas urbanas durante un ano

Tomé Roca enmarcou esta iniciativa na cooperación cos concellos, “que articula toda a nosa acción de Goberno” e valorou esta proposta do Goberno local, “que contribuirá a mellorar a imaxe de Lugo como destino turístico accesible, verde e inclusivo”

O Rexedor agradeceu a “colaboración constante” da Deputación e valorou esta colaboración como “un paso decisivo para reforzar o mantemento diario da cidade con un equipo especializado capaz de actuar con rapidez ante calquera incidencia”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo que a institución provincial colaborará co Concello no financiamento do Plan AXIL, un programa de Actuación e Xestión Inmediata de Lugo que servirá para o mantemento de espazos públicos municipais. Mediante este acordo, a Deputación achegará 150.000€ para acadar un orzamento total de 200.000€ que se destinarán á reposición de infraestruturas urbanas na capital da provincia durante un ano.

Concretamente, a través deste Plan AXIL, o Concello de Lugo poderá acometer pavimentación de beirarrúas e bordos, reparar calzadas deterioradas ou renovar e adecuar tapas de pozos de rexistro e arquetas; investir en mobiliario urbano, instalando bancos e reparando aqueles que estean danados, colocando xardiñeiras, dotando aos espazos públicos de papeleiras, xogos infantís ou aparatos biosaudables; adecuar as zonas verdes municipais, o que inclúe a plantación de árbores e arbustos así como outras labores relacionadas coa xardinería; e finalmente gañar en accesibilidade coa supresión de barreiras arquitectónicas, rebaixando pasos de cebra para deixar unha diferencia de cota cero entre o bordo e a rasante da calzada.

Tomé Roca enmarcou esta iniciativa na cooperación cos concellos, “que articula toda a nosa acción de Goberno” e valorou esta proposta do Goberno local, “que contribuirá  a estimular a economía, mellorando o benestar das veciñas e dos veciños ao tempo que axudará a mellorar a imaxe de Lugo como destino turístico accesible, verde e inclusivo”.

Pola súa banda, Miguel Fernández, puxo en valor a creación da Brigada AXIL como “un paso decisivo para reforzar o mantemento diario da cidade cun equipo especializado capaz de actuar con rapidez ante calquera incidencia, desde un banco roto ou unha papeleira deteriorada ata unha beirarrúa levantada ou un punto de luz avariado”. 

Destacou o Rexedor que “a axilidade na resposta é clave para mellorar a calidade de vida da veciñanza e para evitar que pequenos danos se convertan en problemas maiores, garantindo así espazos públicos máis seguros, accesibles e coidados”. Nese sentido, agradeceu tamén “a colaboración constante da Deputación de Lugo, que volve demostrar o seu compromiso coa cidade apoiando servizos esenciais como este, pensados para dar solucións concretas e inmediatas ao día a día da cidadanía”.