Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa XVIII Festa da Gaita de Quintá que se celebra esta fin de semana

Pilar García Porto
Presentación da Festa da Gaita de Quintá
A institución provincial achega 6.000 euros para a celebración desta cita, que se presentou este martes na Praza de San Marcos, e que espera reunir o 16 e 17 de agosto a preto dun milleiro de persoas nesta parroquia do concello de Becerreá

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este martes na Praza de San Marcos a XVIII Festa da Gaita de Quintá, que se celebra este fin de semana -16 e 17 de agosto- na parroquia de Quintá de Cancelada, pertencente ao concello de Becerreá. A cita, impulsada pola Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes, conta cunha achega da Deputación de Lugo de 6.000€.

O encontro xuntará a numerosos músicos tradicionais da contorna, para celebrar unha cita na que os instrumentos como a gaita ou o acordeón serán os protagonistas e onde tamén se poderán degustar produtos de proximidade. García Porto puxo en valor unha cita “que é xa un clásico da montaña lucense”, “que é quen de reunir a preto de mil persoas nunha parroquia que non chega aos 300 habitantes”.

“Esta é unha iniciativa valente, que nos demostra que o noso rural non está baleiro. O noso rural, sempre o dicimos, está cheo de ideas, de talento e de iniciativas. Pero para que saian adiante e prosperen, as Administracións públicas temos que poñer da nosa parte”, valorou a Deputada. Destacou o compromiso da institución provincial con este tipo de iniciativas que dinamizan económica e socialmente o rural da provincia e que axudan a consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible e que xeran valor no territorio. 

Na presentación participaron tamén xunto á Deputada, o presidente da Asociación Cultural e Deportiva Chao de Sebes, que deu conta dun programa que arrancará o sábado 16 de agosto ás 13.00 horas coa recepción dos participantes; e o músico Xosé Vázquez. Ademais, o acto estivo amenizado por unha agrupación de música tradicional que chamou a atención da veciñanza.