Deputación de Lugo

A Deputación achega 250.000€ a Xermade para mellorar a mobilidade no rural do municipio

JOSE TOMÉ
Xermade
O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde, Roberto García Pernas, veñen de asinar un convenio para colaborar no acondicionamento de diferentes vías municipais que artellan as comunicacións en catro parroquias deste concello

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 250.000€ ao Concello para mellorar a mobilidade no rural do municipio. En concreto, o acordo servirá para o acondicionamento de diferentes vías municipais que artellan as comunicacións da localidade ao seu paso por catro parroquias.

Grazas a este investimento da Deputación, o Concello de Xermade mellorará estradas con aglomerado nos lugares da Ermida (Roupar), A Veiga (Lousada), O Camiño (Xermade), As Casasnovas (Burgás), A Silva (Xermade), O Seixido (Xermade) e A Arredoada (Burgás). Unha actuación da que se beneficiarán, de xeito directo, o cento de veciños e veciñas que viven nestas aldeas e coa que se mellorarán as comunicacións do municipio, posto que son vías que comunican con estradas provinciais e autonómicas.

Tomé Roca enmarcou esta colaboración na cooperación cos concellos e no compromiso coa mobilidade que ten adquirido o Goberno provincial. “Sabemos que manter servizos no rural é básico para fixar poboación, e unhas boas comunicacións son imprescindibles para acadar ese obxectivo”, valorou o mandatario provincial.

Pola súa parte, o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, agradeceu a implicación da Deputación e destacou a importancia desta achega. “Trátase dunha actuación fundamental para mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Ademais, supón un paso máis para seguir facendo do noso concello un lugar con máis oportunidades”, subliñou.