Deputación de Lugo

A Deputación participa na constitución do Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais do sector gandeiro-cárnico en Salamanca

Pilar Garcia Porto
FEMP
salamanca

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na xornada celebrada en Salamanca para a constitución do Consello de Goberno da Rede de Entidades Locais Ganadeiro-Cárnica, unha iniciativa impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) co obxectivo de dar visibilidade e reforzar o papel das entidades locais no desenvolvemento do sector gandeiro e cárnico no territorio nacional.

O acto contou coa presenza de representantes de deputacións, concellos e entidades locais de toda España e marcou o inicio oficial dos traballos deste novo órgano, que ten entre os seus obxectivos promover a sustentabilidade, apoiar o desenvolvemento rural, impulsar a innovación no sector e fomentar a cohesión territorial.

Durante a sesión aprobouse tamén a creación de grupos de traballo especializados, que abordarán cuestións clave como o relevo xeracional, o acceso a financiamento e a sustentabilidade territorial. Ademais, acordouse a incorporación do Foro Ganadero Cárnico como entidade colaboradora, mediante un convenio que permitirá a cooperación técnica e institucional coas administracións locais.

Pilar García Porto subliñou a importancia desta Rede para fortalecer o medio rural e a economía ligada ao sector primario, destacando que “as entidades locais temos un papel clave na defensa e promoción dun sector estratéxico que xera emprego, fixa poboación e garante a sustentabilidade do territorio”.

A próxima actividade da Rede terá lugar en outubro, coa presenza en feiras de referencia como a Feira de Zafra e SEPOR Lorca, co obxectivo de dar maior visibilidade ás iniciativas e proxectos que se desenvolvan no marco deste novo órgano de colaboración.