Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo felicita a Óliver Laxe polo éxito de Sirât, que representará a España nos Oscar

Oliver Laxe
sirat
oscar

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, quere expresar a súa fonda satisfacción e orgullo polo éxito do cineasta lucense Óliver Laxe, a quen xa transmitiu persoalmente os seus parabéns tras coñecerse que a súa película Sirât foi elixida para representar a España nos premios Oscar 2026.“É un orgullo para toda a provincia que o talento dun fillo de Navia de Suarna sitúe a Lugo e a Galicia no mapa cultural e cinematográfico mundial”.


O Presidente subliñou que Laxe non só acadou grandes éxitos en festivais como Cannes —onde Sirât obtivo o Premio do Xurado e unha ovación de sete minutos—, senón que, ao longo da súa carreira, “consolidou un estilo único, recoñecible pola súa sensibilidade artística, a súa profunda conexión coa natureza e coa paisaxe galega e a súa capacidade para fusionar o local e o universal nunha linguaxe cinematográfica que emociona en todo o mundo”.

“Películas como Todos vós sodes capitáns, Mimosas ou O que arde amosan esa maneira de entender o cine como un acto poético e espiritual, onde as persoas, as súas raíces e a contorna teñen un papel protagonista”, afirmou o mandatario provincial. Sirât, rodada entre Marrocos e Aragón, con escenas en raves reais e unha historia chea de forza humana e simbolismo, “confirma a madurez creativa dun director que nunca esqueceu a súa orixe na aldea de Vilela, Navia de Suarna, onde vive e onde fundou a asociación artística Ser para seguir creando e compartindo cultura desde o rural. Un feito que nos enche de orgullo e serve de espello para mirarse á nosa mocidade”, detallou.

“Óliver Laxe representa unha maneira diferente de facer cine”, sinalou José Tomé. “A súa obra é fonda, contemplativa e humana, mais ao mesmo tempo vibrante e universal. É un orgullo para a nosa provincia contar cun creador que sabe transformar a nosa identidade, a nosa lingua e a nosa paisaxe en arte con maiúsculas”.

O Presidente destacou tamén o compromiso da Deputación de Lugo coa cultura e co audiovisual galego, lembrando que “apoiar o talento creativo é apostar polo futuro, pola proxección internacional e polo desenvolvemento cultural e económico da provincia”.

Nese sentido, José Tomé Roca convida a toda a cidadanía a celebrar este éxito colectivo e a apoiar Sirât: “Porque cando un fillo da provincia brilla, brilla Lugo enteiro, e o talento de Óliver Laxe é un exemplo do mellor que podemos ofrecer ao mundo”.