O Presidente e o Alcalde de Lugo supervisan as obras da Avenida Infanta Elena, que avanzan coa construción das beirarrúas
Informou o mandatario provincial que “estamos a traballar moi rápido e seguramente acabemos antes do previsto, poderemos comezar co estendido do outro carril en 10 ou 15 días, cando rematemos os traballos das marxes coa instalación das tubaxes”
“Xa é visible o cambio que vai experimentar este acceso á cidade, nunha zona con gran peso comercial e industrial, e que se adaptará á perfección co desenvolvemento de futuros solos e co modelo de cidade aberta e sostible”, valorou o Rexedor
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, supervisaron este xoves a evolución duns traballos que completarán os 2,7 quilómetros do desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, nos que a institución provincial investiu un total de 2,445M€ desde a Glorieta do 25N. Esta semana, as obras avanzan coa instalación das beirarrúas nestes últimos 456 metros, desde a Glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera.
“Estamos a traballar moi rápido e seguramente acabemos antes do previsto”, valorou o mandatario provincial, que informou que “poderemos comezar co estendido do outro carril en 10 ou 15 días, cando rematemos os traballos das marxes coa instalación das tubaxes de saneamento, abastecemento e iluminación”. Destacou Tomé Roca que esta actuación xa transformou a principal vía de entrada e saída da cidade na súa parte norte e que “se todo continúa como ata agora, entre outubro e novembro teremos completo un acceso espectacular, o mellor que terá Lugo e onde fai máis falta pola afluencia de tráfico que ten”.
Explicou o Presidente que este novo tramo contará como os anteriores, cunha plataforma cun ancho de 32,5 metros, con dous ou tres carrís de circulación por cada sentido, carrís bici, beirarrúas, mobiliario urbano como bancos e papeleiras, e tamén arboredo. Ademais sinalou que os traballos inclúen a renovación do abastecemento, saneamento e alumeado para dotar de servizos a un futuro crecemento da cidade.
Pola súa banda, Miguel Fernández Méndez valorou que “xa é visible o cambio que vai experimentar este acceso á cidade, nunha zona con gran peso comercial e industrial, pola súa proximidade ao centro comercial e aos polígonos industriais, que contará ademais con arborado, iluminación, novo mobiliario urbano e que se adaptará á perfección co desenvolvemento de futuros solos e con ese modelo de cidade aberta e sostible, que todas e todos queremos para Lugo”.
Agradeceu tamén o Rexedor “o compromiso da Deputación de Lugo e tamén o importante esforzo económico realizado, con eses 2,4M€ de inversión que implicará a ampliación desta entrada a Lugo, e que nos permite ademais avanzar nos proxectos de mellora doutros accesos a Lugo como a Avenida Adolfo Suárez”.
O proxecto desde a glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera
O proxecto, que conta cun investimento de 1,3M€, contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta Garaballa de Arriba e á de Benigno Rivera. Este tramo, cunha lonxitude total de 456 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras.
Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.