Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación de Lugo, presente no Congreso Mundial de Reservas da Biosfera na China

Reserva da Biosfera
A xerente das Reservas da Biosfera provinciais, Andrea Macho Benito, forma parte da comitiva española que participa neste encontro que marcará a estratexia global en materia de conservación ambiental, desenvolvemento sostible e cooperación

A Deputación de Lugo está presente estes días no 5º Congreso Mundial de Reservas da Biosfera, que se celebra en Hangzhou (China) ata o 25 de setembro, un evento internacional que reúne a máis de 2.000 participantes de 136 países para definir a estratexia global en materia de conservación ambiental, desenvolvemento sostible e cooperación internacional para a próxima década.

A participación da Deputación prodúcese a través da xerente das súas Reservas da Biosfera - Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá-, Andrea Macho Benito, quen exerce actualmente como secretaria do Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera. Deste xeito, a luguesa forma parte da representación española nun foro mundial no que se debate a nova Estratexia e Plan de Acción de Hangzhou 2026-2035, documento clave que marcará o futuro das máis de 750 reservas da biosfera recoñecidas pola UNESCO en todo o mundo.

Un foro global para decidir o futuro ambiental

O Congreso Mundial, organizado pola UNESCO, o Goberno da China e a cidade de Hangzhou, aborda cuestións estratéxicas como o fortalecemento das redes internacionais, o financiamento das reservas e a integración dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, do Marco Mundial para a Biodiversidade de Kunming-Montreal e do Acordo de París no traballo diario destes espazos.

A Rede Española de Reservas da Biosfera, con 55 espazos recoñecidos, é a máis numerosa do mundo, e o traballo desenvolvido en Lugo a través de espazos como a Reserva da Biosfera Terras do Miño ou a de Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá
está a ser presentado como exemplo de equilibrio entre conservación ambiental, desenvolvemento rural sostible e protección da biodiversidade.

A provincia de Lugo, referente

Para a Deputación de Lugo, a presenza neste foro internacional supón unha oportunidade para compartir experiencias, coñecer proxectos doutros países e acceder a novas liñas de cooperación e financiamento. As reservas da biosfera lucenses destacan non só pola súa riqueza natural, senón tamén pola súa exemplaridade pola aposta polo ecoturismo, a educación ambiental, a innovación social e a loita contra o despoboamento rural.

Así mesmo, este congreso é fundamental para situar ás reservas da biosfera como ferramentas clave fronte ao cambio climático e para abrir portas a novas alianzas internacionais que repercutan directamente no noso territorio.

A previsión é que o Plan de Acción de Hangzhou 2026-2035 sexa aprobado ao rematar o congreso, marcando a folla de ruta mundial para os vindeiros dez anos. A Deputación de Lugo, a través da súa participación, sitúase así na primeira liña das políticas ambientais internacionais, reforzando o seu compromiso coa Axenda 2030 e coa protección do patrimonio natural.