Deputación de Lugo
Economía

O Presidente pon en valor o potencial da Arxentina para impulsar a internacionalización das empresas da provincia de Lugo

CEL
arxentina
uruguai
empresarios
Tomé Roca abriu este martes a xornada O mercado da Arxentina, organizada pola CEL e financiada pola institución provincial, destacando a importancia de traballar da man administracións e empresas para crear riqueza e abrir novos mercados internacionais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou este martes a importancia de abrir novos mercados para o tecido empresarial da provincia e de traballar da man administracións e empresas para crear riqueza e xerar novas oportunidades de negocio. Fíxoo durante a apertura da xornada O mercado da Arxentina, organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e financiada pola institución provincial, que contou coa presenza do secretario da CEL, Jaime López, e reuniu a empresarios, profesionais e expertos en internacionalización na sede central da organización en Lugo.

No seu discurso, o Presidente salientou que “na provincia de Lugo temos talento, empresas competitivas e capacidade para abrirnos ao mundo. Pero para avanzar é fundamental que institucións e empresarios camiñemos xuntos, sumando esforzos para xerar riqueza e emprego na nosa provincia”.

Engadiu que a Deputación “quere ser un socio estratéxico, un aliado real do noso tecido empresarial, acompañando as empresas nos seus procesos de crecemento e apoiándoas na súa internacionalización, porque cando unha empresa lucense medra e crea emprego, toda a provincia sae beneficiada”.

“Xornadas coma esta son unha ferramenta fundamental para unir coñecemento, experiencia e iniciativa empresarial. O noso obxectivo é que cada empresa da provincia que teña potencial e interese para crecer en mercados exteriores poida facelo coa información, os contactos e o respaldo institucional que precisa”, subliñou o Presidente provincial, quen insistiu en que “a internacionalización é unha vía clave para construír unha provincia máis aberta, innovadora e con futuro”.

A xornada contou coa participación de Juan Crego Bonhomme, enxeñeiro agrónomo e consultor internacional con ampla experiencia no sector cárnico arxentino e na apertura de mercados exteriores, e de Marcelo Óscar Ballero Moreno, médico veterinario con posgrao en Agronegocios e experto en Inocuidad Alimentaria, con traxectoria en auditorías internacionais para a UE, EEUU, Canadá ou Israel, entre outros.

Ámbolos dous poñentes ofreceron relatorios nos que analizaron en profundidade as oportunidades de negocio que ofrece a Arxentina, os sectores con maior potencial para a exportación de produtos galegos e as vantaxes derivadas do acordo UE-Mercosur, que elimina gran parte das barreiras arancelarias e facilita a entrada de empresas europeas neste mercado de máis de 46 millóns de consumidores.

O encontro dá continuidade á xornada sobre o mercado uruguaio celebrada o pasado verán en Ribadeo, consolidando así unha serie de accións que teñen como obxectivo ofrecer información, experiencias e ferramentas prácticas para que as empresas lucenses poidan explorar con garantías novos destinos comerciais, especialmente en América Latina, unha rexión que ofrece oportunidades crecentes para sectores estratéxicos da provincia.