Sorteados os bonos de 250€ da campaña Volta ao Cole da Deputación e a Federación de Comercio
Tomé Roca avanzou que “se rexistraron preto de 23.500 tíckets correspondentes as compras realizadas en pequenos negocios da provincia o que supón un volume de negocio arredor dos 700.000€”
Esta campaña contempla tamén un sorteo adicional de 2.500€ que se celebrará o vindeiro 16 de outubro no Pazo de San Marcos
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, participou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos no sorteo dos 90 bonos de 250€ da campaña Volta ao Cole, a iniciativa impulsada por ambas entidades para incentivar as compras nos pequenos comercios da provincia e aliviar a economía doméstica. Os premiadosdeste sorteo, que se realizou ante notario e no que se repartiu un total de 22.500€, poderán consultarse na webhttps://www.bonosdeputacionlugo.com/tras realizar as correspondentes comprobacións notariais.
Tomé Roca avanzou o éxito desta acción “na que se rexistraron preto de 23.500 tíckets correspondentes ás compras realizadas en establecementos locais da provincia o que supón un volume de negocio que podemos situar arredor dos 700.000€”. Así mesmo, o máximo representante da institución provincial recordou que “a Deputación investiu nesta campaña 50.000€ porque, por unha banda, a volta ao cole é un dos momentos máis delicados do ano para a economía familiar e, pola outra, o pequeno comercio ten un importante peso na xeración de emprego e na actividade económica do noso territorio”.
Os premiados recibirán a tarxeta regalo de 250€ nun acto que terá lugar o vindeiro xoves, 16 de outubro, no Pazo de San Marcos e poderán utilizalas para realizar compras en pequenos establecementos de Lugo ata o próximo 31 de decembro.
Ademais, neste acto que comezará ás 19:00 horas, tamén se vai celebrar o sorteo adicional de 2.500€ que se inclúe nesta campaña e que o gañador ou gañadora deberá gastar nunha única xornada de compras e nunha soa localidade de Lugo. Neste sorteo poderán participar todos os consumidores que asistan ao acto de entrega de premios dacampaña,aportando untícket ou factura nun comercio físico dalgún dos 67 concellos da provincia entre o 1 desetembro e o 16 de outubro.