Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Fonsagrada para manter dúas feiras de gando emblemáticas na Montaña

Concello da Fonsagrada
O Presidente da institución provincial e o Alcalde deste municipio asinaron en San Marcos un convenio de colaboración por preto de 14.000€ para financiar a 49ª edición do Concurso de Gando Vacún e a 32ª edición do Concurso de Gando Cabalar

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde da Fonsagrada e Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará 12.000€ a este Concello da Montaña para axudar no financiamento de dúas feiras de gando emblemáticas na comarca: a 49ª edición do Concurso de Gando Vacún e a 32ª edición do Concurso de Gando Cabalar.

Este acordo conta ademais coa aportación do Goberno municipal, que completa o financiamento con outros 1.730€ para chegar aos preto de 14.000€ necesarios para sufragar os gastos das dúas citas gandeiras máis importantes do concello.

Tomé Roca enmarcou esta colaboración na Cooperación cos Concellos e no apoio ao sector primario, “determinante na economía da nosa provincia e tamén na identidade do noso territorio. Somos unha provincia cunha pegada agrogandeira indeleble e queremos que continúe sendo así, porque é unha actividade económica que xera emprego, riqueza e cohesión territorial”. Pola súa banda, Carlos López engadiu o peso destas citas na promoción do turismo, “porque constitúen un atractivo e nesas datas notamos un incremento de visitantes na vila”.

Concretamente, este investimento de ambas administracións serve para financiar o transporte do gando, costear os premios, facer fronte ao pago dos xuíces, comprar os trofeos e á difusión e promoción deste evento.