Deputación de Lugo

A Deputación destina 12.000€ a AFAN Burela para reforzar a atención a persoas con alzhéimer e o apoio ás súas familias

José Tomé Roca
carmela lópez
Burela
O Presidente provincial, José Tomé Roca, vén de formalizar no Pazo de San Marcos esta axuda coa entidade mariñá, que presta atención no Centro de Respiro Familiar a unha vintena de usuarios e usuarias

A Deputación de Lugo reforza o seu compromiso co benestar das persoas e co tecido social da provincia mediante un convenio de colaboración con AFAN Burela dotado con 12.000 euros, destinados ao mantemento e impulso do Centro de Respiro Familiar, un servizo especializado que ofrece atención a persoas con alzhéimer e outras demencias e apoio directo ás súas familias. O acordo foi asinado polo Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e pola presidenta da entidade, Estefanía Varela Casas, nun encontro no que tamén participou a Alcaldesa de Burela, Carmela López, e no que os tres coincidiron en subliñar a importancia de protexer e acompañar a quen afronta algún tipo destas doenzas. 

A achega da institución provincial permitirá garantir a continuidade dun recurso esencial que combina estimulación cognitiva, obradoiros terapéuticos, acompañamento profesional e espazos de convivencia, ao tempo que proporciona ás familias e coidadores un respiro necesario para afrontar con máis forza, máis dignidade e mellor calidade de vida o proceso da enfermidade.

Durante a sinatura, o mandatario provincial destacou que este apoio responde a un compromiso firme: “Poucas realidades golpean tanto como o alzhéimer, que borra recordos, identidades e historia persoal. Non podemos permitir que quen sofre esta enfermidade nin as súas familias se sintan sós. Con esta colaboración contribuímos a mellorar o día a día das persoas afectadas e a ofrecer descanso, coidado e esperanza a quen as acompaña”. Tomé Roca expresou tamén o seu recoñecemento ao labor da entidade mariñá: “AFAN Burela é un exemplo de profesionalidade e humanidade; un equipo que guía ás familias nun momento vital de enorme dureza. Desde a Deputación seguiremos ao seu lado para construír unha provincia máis acolledora, máis xusta e máis atenta ás persoas”.

O Centro de Respiro Familiar é hoxe un piar para moitos fogares da Mariña, ao ofrecer acompañamento profesional e espazos de alivio para os coidadores principais, que con frecuencia asumen en silencio un reto físico e emocional enorme. “O alzhéimer é unha enfermidade neurodexenerativa que avanza de maneira implacable e afecta a miles de familias galegas, alterando rutinas, vínculos e afectos. Neste contexto, proxectos como o de AFAN Burela convértense en ferramentas indispensables para frear o illamento, estimular capacidades preservadas, manter vínculos sociais e protexer a memoria emocional mentres esta aínda habita nas persoas afectadas”, indicou Tomé Roca. 

Coa sinatura deste convenio, a Deputación de Lugo reafirma que investir “en dignidade, en coidados e en humanidade é tamén facer provincia e tender pontes de futuro para que ninguén quede atrás nun camiño que ninguén escolleu, máis que ninguén debería percorrer en soidade”.


AFAN Burela


AFAN Burela é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 2013 para dar resposta ás necesidades das persoas con enfermidade de alzhéimer ou outras demencias e das súas familias, ofrecendo apoio, orientación e intervención terapéutica desde unha perspectiva profesional e próxima. 

A entidade xestiona na actualidade unha Unidade ou Centro de Respiro Familiar, operativo desde setembro de 2015, que conta cun máximo de vinte prazas en programas de mañá e tarde, dirixido a persoas en fase inicial ou moderada da enfermidade. Este recurso articúlase como un espazo especializado no que se desenvolven programas de estimulación cognitiva, física e social mediante terapias e actividades grupais e individuais, co obxectivo de manter as capacidades preservadas, retardar o deterioro, favorecer a comunicación e mellorar a autonomía. 

O servizo está conducido por persoal profesional —entre eles unha educadora social e unha coidadora formal— que planifica e executa semanalmente sesións estruturadas de orientación á realidade, memoria, cálculo, linguaxe, percepción, praxes e musicoterapia, empregando metodoloxías adaptadas ao nivel de cada usuario. Ao mesmo tempo, o Centro de Respiro constitúe un apoio esencial para as familias e coidadores principais, ás que lles ofrece descanso, acompañamento e ferramentas para afrontar a carga emocional, física e social asociada á enfermidade.