Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Formación

Un cento de gandeiros fórmase na Granxa Gayoso sobre a dixitalización dos sistemas de xurro

granxa gayoso castro
FORMACION
dixitalización
As instalacións da Deputación de Lugo en Castro Riberas de Lea acollen este xoves unha xornada sobre os sistemas de distribución e redución de emisións, análise de nutrientes do esterco e documentación dixital da aplicación

A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo acolle este xoves unha xornada formativa sobre a dixitalización dos sistemas de xurro. A cita, na que participaron un cento de gandeiros e gandeiras da provincia, enmárcase na colaboración da institución provincial co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para impulsar a informatización do sector agroalimentario e do medio rural en España.

Durante toda a mañá, as persoas participantes terán a opción de formarse nos sistemas de distribución e redución de emisións de xurro, análise de nutrientes do esterco e documentación dixital da aplicación. Esta actividade tecnico-práctica arrancou ás 10:00 horas na Aula da Granxa Experimental de Leite co obxectivo de amosar as últimas innovacións na aplicación do xurro, un aspecto clave na sustentabilidade e eficiencia da agricultura galega.

Baixo o nome de DIGIPurín, esta iniciativa enmárcase no compromiso da Deputación de Lugo e do Goberno do Estado de impulsar a modernización do sector agroalimentario da provincia de Lugo, promovendo prácticas máis sostibles, eficientes e adaptadas á normativa. Unha oportunidade para os profesionais do sector de acceder a formación práctica e actualizada, coñecer as últimas innovacións tecnolóxicas e establecer conexións con expertos e empresas do sector, e para o desenvolvemento dun territorio no que o sector primario ten un peso específico tan importante.