A Deputación de Lugo presenta en Barcelona a súa proposta para implementar a Intelixencia Artificial no ámbito local
“En Lugo estamos a dar os primeiros pasos para entender como a intelixencia artificial pode mellorar os servizos que prestamos aos concellos da provincia, sempre desde unha perspectiva prudente e realista", subliñou o Deputado
A Deputación de Lugo presentou este martes en Barcelona a súa proposta para incorporar a intelixencia artificial (IA) á xestión municipal durante a xornada estatal Local.IA: despregamento de casos de uso, organizada pola Deputación catalá e que reúne ata este mércores a representantes de administración locais de todo o Estado.
O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, está a expoñer neste encontro o traballo que está a implementar a Deputación de Lugo para explorar as posibilidades da intelixencia artificial no ámbito local. Durante a súa intervención, PabloRivera detallou as primeiras experiencias piloto que a institución provincial está a desenvolver: aplicacións de IA para transcrición automática, clasificación documental e mellora de procesos administrativos.
“En Lugo estamos a dar os primeiros pasos para entender como a intelixencia artificial pode mellorar os servizos que prestamos aosconcellos da provincia, sempre desde unha perspectiva prudente e realista", subliñou o Deputado.
A Deputación lucense foi convidada a este foro nacional como caso de referencia en innovación pública, pola súa aposta por solucións de software libre e soberanía do dato. O modelo lucense evita a dependencia de provedores privados e facilita que cada concello poida adaptar ou escalar as ferramentas segundo as súas necesidades.
Lugo, en contacto con administracións líderes en IA
A participación da institución provincial na xornada permitiu establecer novas alianzas con outras administracións que xa están aplicando IA en procesos como atención á cidadanía, xestión interna ou automatización de trámites. “Modernizar o mundo local require cooperación e aprendizaxe conxunta e de colaboración entre administracións”, sinalou o Deputado. Engadiu ademais que“Lugo está preparada para liderar este cambio desde unha perspectiva realista e responsable.”
O Deputado de Promoción Económica e Social anunciou tamén que a institución provincial continuará traballando na definición da súa estratexia de intelixencia artificial, que buscará ofrecer solucións prácticas e accesibles para os 67 concellos da provincia. "O noso obxectivo é avanzar paso a paso, asegurando que ningunha entidade local quede atrás nesta transformación", concluíu Rivera Capón.