Deputación de Lugo

O Presidente e a Ministra uruguaia de Industria destacan en Montevideo o potencial innovador e exportador das empresas lucenses

uruguai
A Ministra María Fernanda Cardona Fernández mantivo en Montevideo un encontro coa delegación lucense encabezada polo mandatario provincial onde amosou a vontade de colaborar para facilitar o intercambio empresarial entre os dous territorios

O  Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, desenvolveu unha xornada de intenso traballo institucional e económico en Montevideo e Punta del Este, dentro da misión que o leva esta semana a Uruguai e á Arxentina acompañado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e por representantes de empresas lucenses dos sectores agroalimentario, forestal, tecnolóxico e pesqueiro.

A delegación, da que tamén forman parte o secretario xeral da CEL, Jaime López, e o conselleiro delegado, Eduardo Valín, iniciou o día cun encontro na Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Montevideo, onde foi recibida pola súa responsable e polo equipo diplomático. A reunión permitiu analizar as oportunidades de cooperación e investimento bilateral, destacando o interese que espertan os sectores estratéxicos da provincia: carne, chacinaría, tecnoloxía aplicada á gandería, conxelados da pesca, forestación e innovación enerxética.

A continuación, a comitiva mantivo unha xuntanza coa Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, onde se puxo de manifesto o valor da colectividade galega como ponte económica e cultural entre Galicia e Uruguai, e a vontade de impulsar novas accións de promoción exterior e colaboración institucional. 

Posteriormente, o presidente e os empresarios lucenses visitaron a Asociación Rural do Uruguai, unha das entidades máis influentes do país no ámbito agropecuario. No encontro intercambiáronse experiencias sobre modelos de gandería sostible, mellora xenética e innovación tecnolóxica aplicada á produción de carne e derivados, coincidindo ambas partes en fortalecer as alianzas técnicas e comerciais entre empresas dos dous países.

O punto central da xornada foi a reunión no Ministerio de Industria, Enerxía e Minería do Uruguai, presidida pola súa titular, a Ministra María Fernanda Cardona Fernández, quen atendeu con grande interese as intervencións dos empresarios lucenses. A Ministra destacou o potencial produtivo e tecnolóxico da provincia de Lugo e amosou a súa disposición a abrir canles de cooperación nos ámbitos das enerxías renovables, a forestación e a transformación agroindustrial.

Durante o encontro, tamén se analizou o marco económico estable e seguro de Uruguai, un país que ofrece confianza xurídica e incentivos atractivos ao investimento exterior, especialmente a través das zonas francas. Os empresarios lucenses mostraron interese en coñecer estas áreas de actividade empresarial, que consideran estratéxicas para a expansión internacional das súas compañías.

Ademais, a delegación valorou moi positivamente o avance cara o novo acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur, que suporá maiores oportunidades para o intercambio económico e o acceso a novos mercados. Moitas das empresas participantes xa teñen presenza en outros paísese identifican en Uruguai un destino de grande interese pola súa estabilidade, seguridade e proxección internacional.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou que “Lugo está demostrando que pode xogar en primeira división, con empresas sólidas, innovadoras e con visión global”. Engadiu que “Uruguai está a mirar con respecto e interese cara a nosa provincia, pola calidade dos seus produtos, o talento do seu tecido empresarial e o compromiso coa sostibilidade”.

A delegación lucense foi recibida na Embaixada de España en Montevideo polo embaixador español en Uruguai, quen trasladou o seu respaldo institucional á misión e destacou o interese do país polos sectores produtivos e tecnolóxicos galegos. O encontro serviu para analizar as oportunidades de colaboración bilateral e as vías de apoio ás empresas lucensesque desexen explorar o mercado uruguaio. Durante a reunión, o presidente da Deputación, José Tomé Roca, puxo en valor o papel da diplomacia económica como instrumento para abrir portas e fortalecer os lazos entre Lugo e América Latina, mentres o embaixador subliñou o bo momento das relacións hispano-uruguaias e o prestixio crecente da marca Galicia no exterior.

Punta del Este

Xa pola tarde, a delegación trasladouse a Punta del Este, onde foi recibida oficialmente polo Intendente de Maldonado e polo Alcalde de Punta del Este, Javier Carballal, oriúndo do municipio lucense de Muras, nun emotivo acto celebrado no Municipio de Punta del Este. A coincidencia familiar e territorial serviu para reforzar o vínculo entre Lugo e Uruguai, dous territorios “unidos pola historia, polo carácter e pola vontade de progreso compartida”.

Durante a recepción abordáronse cuestións vinculadas ao turismo sostible, a planificación urbana e a promoción territorial, explorando novas vías de cooperación entre ambos territorios atlánticos. A xornada concluíu cun encontro con empresarios e representantes de cámaras locais, no que se presentaron as fortalezas produtivas da provincia de Lugo e as oportunidades de investimento nos sectores agroalimentario, pesqueiro, forestal e tecnolóxico.

A presenza da delegación lucense está a acadar unha ampla repercusión nos medios de comunicación uruguaios, con entrevistas en televisións, radios e prensa escrita, que destacan o nivel institucional da misión e o perfil innovador do empresariado lucense.

A misión continuará nos próximos días con novas reunións en territorio uruguaio e, posteriormente, en Bos Aires, onde está previsto un amplo programa institucional, económico e cultural coa colectividade galega e co tecido empresarial arxentino.

Viaxe uruguai