O Presidente sitúa as explotacións de Lugo “á vangarda de Europa” na inauguración das Xornadas de Vacún de Leite de SERAGRO
“Lugo convértese na capital do coñecemento gandeiro, un lugar onde se comparten experiencias, se debaten retos e se constrúe futuro. E iso é o que mellor define a forza deste sector”, sinalou o mandatario provincial
Subliñou ademais José Tomé que a Deputación aposta firmemente polo sector primario, “con iniciativas como aGranxa Gayoso Castro, que complementa o traballo da Universidade e das cooperativas”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na inauguración das XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro Sociedade Cooperativa Galega, que reúnen a 700 profesionais -entre gandeiros, técnicos e expertos do sector- entre hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.
Na súa intervención, José Tomé deu a benvida aos asistentes e salientou que esta cita co que colabora a institución provincial cunha achega económica de 12.000€, “consolídase como un punto de encontro esencial para o sector lácteo galego e español”. Engadiu que, durante estes dous días, “Lugo convértese na capital do coñecemento gandeiro, un lugar onde se comparten experiencias, se debaten retos e se constrúe futuro. E iso é o que mellor define a forza deste sector: a súa capacidade para aprender, para innovar e para avanzar xuntos”.
Nesta vixésimo segunda edición, as xornadas abordarán asuntos de relevancia para o sector como as novas normativas ambientais, o coidado da recría, a agricultura de precisión, a intelixencia artificial aplicada á xestión das granxas e o benestar animal. Tamén se tratarán cuestións prácticas como a xestión do persoal, os aspectos fiscais e o manexo diario nas explotacións.
“O sector do leite en Galicia, e especialmente na provincia de Lugo, é un exemplo de profesionalización e de modernidade. Está á vangarda tecnolóxica e produtiva en Europa”. Subliñou o Presidente que esta posición non foi por casualidade, senón que “é froito do esforzo das explotacións, do apoio das cooperativas, da implicación das instituciónse tamén, moi especialmente, do traballo da Universidade de Santiago a través do Campus Terra de Lugo”.
O mandatario provincial referiuse ás aulas e aos laboratorios da Facultade de Veterinaria para destacar “que moito do que hoxe se aplica nas granxas xurdiu no Campus lucense”. Neste senso, destacou que “a investigación e a transferencia de coñecemento teñen en Lugo o seu berce, e grazas a ese vínculo coa Universidade, as explotacións son máis eficientes, sostibles e competitivas”.
José Tomé tamén destacou o compromiso da Deputación co sector primario mediante iniciativas como a Granxa Gayoso Castro, “que complementa o traballo da Universidade e das cooperativas”. Xunto con instalacións como o Centro Experimental de Leite ou os programas de recría de Rubia Galega, forman un ecosistema de apoio que reforza a profesionalización e modernización das explotacións da provincia.
Nas instalacións da Deputación en Castro de Rei ofrécense solucións reais para os gandeiros e gandeiras da provincia, co obxectivo de que producir leite en Lugo siga sendo viable, sostible e atractivo para as novas xeracións. “Temos coñecemento, temos orgullo e temos futuro. Sigamos demostrando que o rural galego é un lugar de innovación, oportunidades e vida”, concluíu.