Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aglomera a estrada que une Castro de Rei e A Pastoriza, na que inviste 450.000€

A Pastoriza
castro de rei
Os traballos na LU-P-1106 están xa na súa recta final e afectan a un tramo de case 10 quilómetros divididos en tres tramos: da ponte sobre o río Azúmara ata Pacios, á altura da parroquia de Reigosa e na rotonda de enlace coa LU-P-4401, na Ermida

A Deputación de Lugo vén de iniciar este xoves a pavimentación da estrada provincial LU-P-1106, que é a vía que conecta Castro de Rei e Campo do Oso, na Pastoriza, por Reigosa. Unhas obras que contan cun investimento de 450.000€ da institución provincial para a rehabilitación dun tramo de preto de 10 quilómetros en diferentes puntos do seu trazado. Xa se acometeu a reapertura de cunetas e a canalización de formigón para a mellora da drenaxe ao inicio da estrada e quedará para o final a reposición da sinalización.

Os tramos nos que se está a traballar van desde o inicio da estrada, á altura da ponte sobre o río Azúmara, ata o punto quilométrico 7,682, na parroquia de Pacios (Castro de Rei); á altura da parroquia da Reigosa, xa no termo municipal da Pastoriza, entre os puntos quilométricos 9,5 e 10; e dende a rotonda de conexión coa LU-P-4401, á altura da Ermida, entre os quilómetros 10,5 e 11,74.

Trátase dunha actuación que está a acometer a empresa Cholo S.L nunha vía moi relevante para a comarca porque conta con gran volume de tráfico e dá acceso directo a diferentes servizos públicos.

A mellora desta vía enmárcase no Plan de mellora das estradas 2025, anunciado a finais do pasado ano polo Presidente, José Tomé Roca, cun investimento que supera os 15M€ para acondicionar 400 quilómetros de vías por toda a provincia. A institución provincial destina no 2025 un total de 27M€ para obra, mantemento e conservación das estradas da provincia.