O Lugo Termal da Deputación demostra o seu gran éxito: máis de 700 solicitudes rexistradas no primeiro día de inscricións
A Deputación de Lugo abriu este luns o prazo de inscricións para participar na edición do Lugo Termal 2025-2026, a iniciativa que ofrece aos veciñas e veciñas da provincia descontos en tratamentos termais nos balnearios de Lugo, Pambre, Guitiriz e Pantón. O programa conta cunha excelente acollida entre a veciñanza, xa que só no primeiro día rexistráronse máis de 700 solicitudes, tanto de xeito presencial como telemático.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, cualificou de “gran éxito” as numerosas solicitudes rexistradas e destacou que “isto demostra o notable interese dos veciños e veciñas polos tratamentos termais”. Así mesmo, recalcou que o prazo estará aberto ata esgotar as prazas e animou ás persoas interesadas a que “formalicen a súa inscrición canto antes”. As solicitudes, que deberán incluír unha fotocopia do DNI, poden presentarse no Rexistro provincial ou a través da sede electrónica da Deputación.
Sinalou tamén que a institución provincial aprobou esta nova edición do Lugo Termal na Xunta de Goberno do pasado venres e recordou que “debido a alta demanda que ano tras ano rexistra este programa aumentamos un 20% tanto o investimento, que supera os 145.000 euros; como as prazas ofertadas, que ascenden ata as 2.100”.
1.320 prazas con estancia e 780 sen estancia
O programa Lugo Termal diríxese a persoas maiores de 50 anos empadroadas na provincia e inclúe prazas en dúas modalidades: con estancia e sen estancia. As prazas ofertadas con estancia ascenden ata as 1.320 e divídense en 48 para o Balneario Termas de Lugo; 72 para o Balneario Río Pambre; 600 no Balneario de Guitiriz; e outras 600 no Hotel Balneario Augas Santas.
En canto ás prazas sen estancia a institución provincial ofrece un total de 780: 240 no Balneario lucense das Termas, 180 no Balneario Río Pambre, 180 no Balneario de Guitiriz e 180 no Hotel Balneario Augas Santas.