Deputación de Lugo
Formación

O Presidente dirixe a Xunta Reitora da UNED que dá conta dun aumento da matrícula do 7,5%

UNED
José Tomé Roca participou na sesión na que se avaliou o desenvolvemento do curso 2025-2026, no que destaca a consolidación do centro lucense como un dos que máis crecen do Campus do Noroeste, con “éxito rotundo” de programas como UNED Sénior

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este venres a Xunta Reitora da UNED na sede lucense do centro universitario. Unha sesión na que a directora da entidade, Ana Belén Traseira, deu conta dun aumento da matrícula do 7,5% que consolida á UNED Lugo como un dos centros que máis medra do Campus do Noroeste.

Nese sentido, destacaron o avance das Aulas Universitarias, “con especial mención á de Monforte de Lemos, que por primeira vez superou o cento de estudantes”. Puxeron en valor o “éxito rotundo” de programas como a UNED Sénior, que esgotou as prazas en dous días e requiriu duplicar os grupos existentes.

A Extensión Universitaria continúa a ter “moi boa acollida”, coa participación de 2.500 persoas nas 38 actividades que se desenvolveron na sede en Lugo. E subliñaron a colaboración institucional en encontros de alto impacto como foron as XXIX Xornadas Penitenciarias.

Finalmente, a Xunta Reitora deu conta do informe do impacto social correspondente ao período 2021-2022, que valora a consolidación do centro en retorno social cun retorno de 13,25€ por cada euro investido. Unhas cifras que conclúen que “o Centro Asociado devolve á sociedade o que esta inviste no centro cun efecto multiplicador moi relevante”.