Deputación de Lugo

A Deputación licita por 630.000€ a rehabilitación de cinco estradas provinciais e a entrada de Lugo pola Fervedoira

Xunta de Goberno
Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación das obras de mellora da LU-P-3003, LU-P-3005 e LU-P-4806 ao seu paso por Meira; da LU-P-3108 en Mondoñedo; da LU-P-4104 en Pantón; e do primeiro tramo da avenida lucense Adolfo Suárez

Luz verde tamén a diferentes convenios de colaboración por un importe total que supera os 166.000€ coa Asociación Ser, o Club de Piragüismo Cidade de Lugo, a Fundación Xosé Soto Fión e a Comunidade de Usuarios de Santalla de Abaixo

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a licitación da rehabilitación de cinco estradas provinciais e a entrada de Lugo pola Fervedoira. Unhas obras que contarán cun investimento conxunto da institución provincial que supera os 630.000€ para mellorar a LU-P-3003, LU-P-3005 e LU-P-4806 ao seu paso por Meira; a LU-P-3108 en Mondoñedo; a LU-P-4104 en Pantón e o primeiro tramo da avenida lucense Adolfo Suárez.


Licitadas en Meira diferentes actuacións por 243.000€ que inclúen a rehabilitación completa do trazado da LU-P-3003, que conecta a vila de Meira coa N-640 por Leiras; a práctica totalidade da LU-P-3005, de Couso a Vilar de Corota; e un tramo de seis quilómetros –desde o punto quilométrico 14,6 ao 20,3- da LU-P-4806, que conecta Vilaxe por Galegos e Vilar de Corota a Ribeira de Piquín.


Os traballos, que terán un prazo de execución de 3 meses, consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación e sinalización vertical.


No concello de Mondoñedo a Xunta de Goberno aprobou a licitación dos traballos da mellora dos dous últimos quilómetros da LU-P-3108, de Viloalle a Figueiras. As obras contarán cun orzamento de preto de 80.000€ e un prazo de execución de tres meses para a reapertura de cunetas, saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación.


En Pantón licitadas as obras de mellora da totalidade da LU-P-4104 de Seguín, por Pombeiro, aos Peares. Tamén cun prazo de execución de tres meses e un orzamento que supera os 100.000€ cos que se rehabilitarán os máis de 15 quilómetros da vía. As actuacións inclúen a reapertura de cunetas, saneo da explanada, reparación de desperfectos e repavimentación.


Finalmente, no que ten que ver coas estradas provinciais, quedou aprobada a licitación da renovación do primeiro tramo da avenida Adolfo Súarez, en Lugo. Cun orzamento que supera os 200.000€ e un prazo de execución de tres meses, as obras afectarán ao treito comprendido entre a rotonda coa rúa Serra de Meira e Montero Ríos ata a fin do solo urbano. Os traballos consistirán no fresado do firme, repavimentación con aglomerado en quente, renovación dos servizos, sinalización e balizamento.


Reforzo do tecido asociativo da provincia


A Xunta deu tamén este venres luz verde a diferentes convenios de colaboración con catro entidades da provincia por un importe conxunto que supera os 166.000€. 

Dunha banda, acordouse entregar máis de 24.000€ á Asociación Ser, para a elaboración dixital dun libro e mapa da paisaxe cultural e astronómica da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Un material que interpretará a paisaxe patrimonial, identificará, delimitará e divulgará lugares con valor patrimonial e cultural que resulten idóneos para a contemplación do ceo nocturno.

Ao Club Piragüismo Cidade de Lugo a institución provincial achegará 20.000€ para sufragar os gastos da adquisición dun Barco Dragón DB10 de competición e remolque de transporte. Unha embarcación imprescindible para que haxa representación feminina da provincia nas competicións galegas e estatais, xa que o equipo de Barco Dragón do Cidade de Lugo é o único existente no territorio.

Para manter o Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, a Deputación dará á Fundación Xosé Soto Fión 94.000 repartido en dúas anualidades. Este espazo integra patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico, etnográfico e natural único na Ribeira Sacra, que é un punto de referencia. A achega da institución provincial servirá para sufragar os gastos do persoal necesario.

Finalmente, a Xunta de Goberno acordou que a Deputación achegará outros 27.800€ á Comunidade de Usuarios de Santalla de Abaixo para financiar os gastos derivados da instalación dun adecuado servizo de abastecemento de auga. 

Rutas fluviais


A Xunta de Goberno aprobou este venres a prórroga do encargo á empresa pública Tragsa para a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo, por importe de 841.815,67€ e por esta tempada 2026.

Adxudicado o lote 2 de coordinación de seguridade e saúde


Aprobada tamén a adxudicación do segundo lote do contrato para a prestación dos servizos de coordinación de seguridade e saúde nas obras e actuacións do Servizo de Vías e Obras da institución no período 2025-2027. A empresa adxudicataria é Incope Consultores S.L. O orzamento da adxudicación e de practicamente 260.000€ e a duración inicial é de dous anos, con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro anos.