Deputación de Lugo

A Fonsagrada reunirá este sábado máis de 800 deportistas no IV Trail Terras de Burón que apoia a Deputación

trail terras de burón
a fonsagrada
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este luns xunto ao Alcalde do municipio na presentación deste evento de montaña, que estrea por primeira vez a categoría Ultra cunha distancia de 58 quilómetros

Rivera Capón sinalou que “non só se trata dun importante reclamo deportivo, senón que tamén ten unha notable repercusión turística porque contribúe á dinamización económica e á proxección da comarca e da provincia de Lugo”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na presentación do IV Trail Terras de Burón que se celebrará este sábado 31 de xaneiro no municipio da Fonsagrada. Na presentación deste evento de montaña, que reunirá máis de 800 participantes, tamén asistiu o Alcalde da Fonsagrada e Deputado Provincial, Carlos López López, a presidenta do Club de Montaña Terras de Burón, Nuria Fernández Yáñez, así como outras autoridades, persoal técnico e membros do equipo directivo. 

Rivera Capón destacou o esforzo “deste Club conformado por xente moza e unha ampla representación feminina” para a organización desta proba e recalcou tamén a estreita colaboración que mantén a institución provincial con esta entidade deportiva, á cal achega 5.000€ para as súas actividides. Así mesmo avanzou que o Trail Terras de Burón é xa un referente a nivel galego e nacional e destacou que “non só se trata dun importante reclamo deportivo, senón que tamén ten unha notable repercusión turística porque contribúe á dinamización económica e á proxección da comarca e da provincia de Lugo”.

Pola súa banda, Carlos López López puxo en valor a programación de actividades culturais e deportivas que se desenvolven na Fonsagrada “e que contan cunha gran participación de persoas que veñen de Galicia e de fora da comunidade”. Puxo tamén en valor a colaboración de todos os veciños e veciñas con citas coma estas, así como dos establecementos hostaleiros e hoteleiros. 

Modalidades, distancias e servizos


Este ano haberá catro probas: unha andaina de 16 quilómetros con 800 metros de desnivel positivo; o Trailiño de 18 quilómetros e un desnivel positivo de 1.000 metros; o Trail das Seimeiras de 30 quilómetros e 1.650 metros de desnivel positivo; e, como novidade, o evento estrea a proba Ultra Terras de Burón con 58 quilómetros e 3.000 metros de desnivel positivo. Esta última foi a primeira en completar as inscricións, mentres que o resto de prazas cubríouse antes do Nadal, o que amosa a excelente acollida que ten este evento entre deportistas e afeccionados ao trail. A día de hoxe o período de inscricións está xa pechado.

Ao igual que en anteriores edicións habilitaranse zonas de avituallamentos con produtos típicos da Fonsagrada, gardarroupas, un servizo de gardería e unha zona de inchables para nenos e nenas, entre outras facilidades.