Cultura
Deputación de Lugo

Lugo acollerá en febreiro e marzo unha ampla programación arredor do audiovisual como previa á gala dos Mestre Mateo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
audiovisual
premios mestre mateo
IRIA CASTRO
Maite Ferreiro
ACADEMIA GALEGA AUDIOVISUAL

A gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o 21 de marzo en Lugo co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo, contará cunha ampla programación de actividades previa que pretende achegar o certame á cidadanía e fomentar a súa participación activa.

O calendario de actividades presentouse este mediodía nun acto no que participaron Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo; Iria Castro, deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística; Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo;  Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual e Carmen Méndez.

Iria Castro explicou que "nas conversas que mantivemos coa Academia tanto desde a Deputación como desde o Concello, incidimos na importancia de definir unha programación que implique á cidadanía na gala, que manteña Lugo como lugar de referencia e celebración do audiovisual galego durante estes meses e socialice a importancia dun sector audiovisual forte, que canalice o talento creativo e que proxecte a nosa lingua e a nosa cultura"

Nese sentido, agradeceu "a disposición da Academia para consensuar espazos e actividades e mostrar que os Mestre Mateo non son flor dun día, senón que hai detrás unha cidade e unha provincia que pulan polo audiovisual"

Actividades nos meses de febreiro e marzo

O vindeiro 3 de febreiro, no Vello Cárcere, daranse a coñecer os finalistas desta edición dos Premios Mestre Mateo, un dos momentos máis esperados do audiovisual galego. Por primeira vez, o público poderá asistir á lectura de finalistas, que correrá a cargo do comunicador Juan Fuentes, coñecido por presentar o programa Quen anda aí? e gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Comunicador, e a actriz Andrea Fernández, finalista a un Premio Mestre Mateo na categoría de mellor actriz polo seu papel no filme As Neves. Quen serán os presentadores da gala é un dos segredos mellor gardados ata o momento pola Academia, pero os seus nomes serán desvelados durante o transcurso do anuncio de finalistas, xa que está previsto que acudan ao evento e fagan unhas declaracións.

Unha vez coñecidos os finalistas, o público de Lugo terá a posibilidade de asistir á proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras. As sesións serán gratuítas, de acceso libre ata completar capacidade e celebraranse os días martes 10, mércores 11, mércores 18, xoves 19, martes 24 e mércores 25 de febreiro, así como os días martes 3 e mércores 4 de marzo ás 19 horas. A guionista Clara Coira será a encargada de moderar os coloquios cos equipos dos filmes.

O público asistente a estas proxeccións poderá participar na iniciativa Pasaporte Mestre Mateo, coa que recibirán un agasallo oficial e unha entrada de acceso ao espectáculo especial para seguir a gala do 21 de marzo.

Ademáis de ver en pantalla grande as obras finalistas, o público de Lugo tamén poderá coñecer de primeira man secretos e aspectos ocultos da gala da man dos seus protagonistas en sendos encontros. O 20 de febreiro, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, os responsables de organización e prensa da gala falarán dos aspectos máis descoñecidos e interesantes da organización interna do evento nunha charla titulada "Detrás dos Premios Mestre Mateo".

Pola súa banda, o xoves 5 de marzo no Auditorio do Vello Cárcere organizarase un encontro cos presentadores da gala e co Premio de Honra, tamén de acceso libre ata completar aforo. Este encontro estará conducido e moderado por Pepe Capelán, presentador do programa “Pensando en tí” da Radio Galega.

Premio Especial do Público

Co obxectivo de implicar á audiencia no transcurso dos galardóns e reforzar o vínculo do audiovisual galego cos seus espectadores, por primeira vez nos Premios Mestre Mateo o público terá a oportunidade de votar pola súa película favorita de entre todas as finalistas. A longametraxe gañadora do Premio Especial do Público darase a coñecer xunto cos premios especiais á promocion da lingua e ao fomento da sostibilidade, na tradicional Xuntanza de Finalistas previa á gala, que neste ocasión terá lugar o día 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Gala Premios Mestre Mateo

A gala dos Premios Mestre Mateo terá lugar o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. Asistirán un total de 900 persoas, a cidade converterase no epicentro do audiovisual galego. A gran noite do cinema e da creación audiovisual contará coa tradicional alfombra vermella, pola que desfilarán rostros destacados do sector, profesionais finalistas e personalidades do ámbito cultural e institucional, nunha celebración que reunirá ao mellor do audiovisual galego do último ano.

Este ano, como novidade, ademáis da Gala de entrega de Premios a Academia organizará un espectáculo en directo para que o público poida seguir a gala desde un dos escenarios do propio Auditorio Fuxan os Ventos. A función especial estará presentada polo cómico Rafa Durán e incluirá numerosas sorpresas. Ademais, o público asistente poderá inmortalizar o momento nun photocall exclusivo e vivir de preto a experiencia da gran noite do audiovisual galego.


Como asistir ás actividades previas dos Premios Mestre Mateo

Todas as actividades organizadas pola Academia Galega do Audiovisual incluidas na programación dos XXIV Premios Mestre Mateo son de acceso gratuíto ata completar capacidade. Para asegurar praza, as persoas interesadas poden escribir un correo ao enderezo actividades@academiagalegadoaudiovisual.gal ou chamar por teléfono á Academia Galega do Audiovisual (+34 633 24 56 39), indicando a actividade ou actividades ás que desexan asistir.