Deputación de Lugo

A Deputación abre as inscricións para as actividades do 1º trimestre na Reserva dos Ancares

Medio Ambiente
actividades
Ancares Lucenses
A programación arrincará en Becerreáos días 16 e 18 de febreiro cun obradoiro de tradicións do Entroido para nenos e nenas, en horario de mañá para facilitar a conciliación familiar nestes datas festivas

A Deputación de Lugo abre o prazo para inscribirse nas actividades gratuítas que promove na Reserva da Biosfera dos Ancares, co obxectivo de fomentar o lecer saudable e a educación ambiental neste espazo natural xestionado pola institución provincial. A programación inclúe obradoiros de tradicións, artesanía, natureza e apicultura nos tres concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna que pertencen a Reserva. 

A programación comezará en Becerreáos días 16 e 18 de febreiro cun Obradoiro de tradicións do Entroido, dirixido a nenos e nenas. A actividade celebrarase en horario de mañá de 10:00 horas a 14:00 horas no Centro Social de Becerreá, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante estas datas festivas. Ademais, no mesmo centro impartirase o obradoiro de olería os días 20 de febreiro e 13 de marzo, cun total de 15 prazas dispoñibles.

En Navia de Suarna desenvolveranse dous obradoiros durante o mes de marzo. Por unha banda, un curso de enxerto, o 22 de marzo, en horario de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h, con 15 prazas para adultos, na Escola de Barcia. E, por outro lado, un obradoiro de estruturas vivas, o 21 de marzo, de 12:00 a 18:00 h, con 8 prazas para adultos, na Casa Quindós na aldea de Vilela.


No concello de Cervantes, o 20 de febreiro celebrarase un obradoiro de cestería viva para o alumnado do CPI de Cervantes, en horario de 10:00 a 14:00 h. Ademais, o 22 de marzo terá lugar o obradoiro de apicultura, de 9:00 a 14:00 h, con 20 prazas para persoas adultas, no Edificio de Servizos Múltiples.


Inscricións

Todas as actividades son gratuítas e contan con aforo limitado, polo que é necesario reservar praza. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 982 227 813 ou enviando un correo electrónico a ancareslucenses@deputacionlugo.org, onde tamén se poderá solicitar máis información sobre a programación.