Deputación de Lugo

A Deputación activa este mércores as reservas para as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
rutas fluviais
reservas
As persoas interesadas en realizar estas viaxes turísticas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es para a nova tempada, que arrincará o 19 de marzo e se prolongará ata a ponte de decembro


O sistema de reservas contempla tarifas reducidas para colectivos como xente nova, estudantes, persoas xubiladas, desempregadas e familias numerosas. Os nenos e nenas de ata 3 anos viaxan de balde

As viaxes manterán as dúas rutas, a do Canón do Sil e a do Cabo do Mundo, e permitirán descubrir a Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO, contribuíndo a súa proxección internacional e á dinamización económica da comarca

A Deputación de Lugo activa este mércores o sistema de reservas para solicitar praza nas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que comezarán a nova temporada o vindeiro 19 de marzo e prolongarase ata a ponte de decembro mantendo os dous percorridos habituais polo Canón do Sil e polo Cabo do Mundo. 

As persoas interesadas en realizar estas viaxes poderán adquirir os seus billetes exclusivamente a través da páxina web reservas.rutasembalses.es, unha plataforma dispoñible as 24 horas do día que permite consultar en tempo real horarios, tarifas, dispoñibilidade de prazas e información práctica para planificar a experiencia. A través deste portal tamén se poden modificar ou cancelar reservas. Non se admiten reservas por teléfono nin por correo electrónico.

A institución provincial está a recibir un elevado número de consultas sobre as rutas, o que dá boa mostra do interese que xeran e consolida estas actividades como un dos principais atractivos turísticos da provincia. Durante o ano 2024, preto de 60.000 persoas desfrutaron destas viaxes, que permiten descubrir desde outra perspectiva as paisaxes e o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra, actualmente candidata a Patrimonio Mundial da UNESCO contribuíndo así á súa promoción internacional e á dinamización económica da comarca.


O sistema de reservas contempla tarifas reducidas para distintos colectivos, como xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas. Os nenos e nenas de ata 3 anos poden realizar a viaxe de balde.


Para a atención ao público e a resolución de dúbidas, a Deputación manterá habilitados os canais de información a través do teléfono 982 260 196 e do correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org, en horario de 9:00 a 14:30 horas. A partir do 17 de marzo, o horario de atención ampliarase de 9:00 a 20:00 horas.


Rutas e horarios

A nova tempada arrincará o 19 de marzo e manterá os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas. 

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín. 

No mes de marzo, as viaxes pola ruta do Canón do Sil comezarán o xoves día 19, con saídas tamén as fins de semana do 21 e 22 e do 28 e 29, en horario de mañá e tarde, ás 11:30 e ás 16:00 horas. Con motivo da Semana Santa, o servizo será ininterrompido do luns 30 de marzo ao domingo 5 de abril. Durante esas datas, o catamarán Mencía operará con saídas entre as 11:30 e as 16:30 horas, mentres que o Canón do Sil realizará percorridos entre as 11:00 e as 16:00 horas. Durante o resto do mes de abril, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta do Canón do Sil, mentres que a ruta do Cabo do Mundo contará con saídas as fins de semana.

No mes de maio, a ruta do Canón do Sil estará dispoñible de mércores a venres, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana ampliaranse os horarios, con percorridos desde as 11:30 ata as 17:00 horas no Mencía e desde as 11:00 ata as 16:30 horas no Canón do Sil. Con motivo da ponte do 1 de maio, as saídas realizaranse ás 11:30 e ás 17:00 horas no Mencía e ás 11:00 e ás 16:30 horas no Canón do Sil.

Durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, considerados de tempada alta, haberá servizo diario de luns a domingo, tanto en horario de mañá como de tarde, con diferentes franxas horarias en ambas embarcacións. A partir do 1 de outubro, as rutas pasarán a funcionar de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e ás 16:30 horas no Mencía, e as fins de semana engadiranse tamén percorridos ás 11:00 e ás 16:00 horas no Canón do Sil. Na ponte de outubro, o día 12 navegarán ambas embarcacións, mentres que o día 13 operará unicamente o Mencía no seu horario habitual. En novembro, o servizo limitarase ás fins de semana, con saídas do Mencía, e en decembro funcionará do día 1 ao 8, data na que finalizará a tempada.

No que respecta á Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, en xuño habilitaranse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias, ás 11:30, ás 16:30 e ás 19:00 horas. Durante os meses de xullo, agosto e ata a primeira quincena de setembro, o servizo funcionará todos os días da semana. Na segunda quincena de setembro, haberá dúas frecuencias, ás 11:00 e ás 16:30 horas. En outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e o día 12, con horarios ás 11:30 e ás 16:30 horas. En novembro, as viaxes realizaranse tamén as fins de semana, con saídas ás 11:30 e ás 16:00 horas, mentres que en decembro o servizo estará operativo do 1 ao 8, nas mesmas franxas horarias.