A Vicepresidencia da Deputación apoia a mellora das ganderías de ovino e cabrún co financiamento dun programa de Ovica para avaliar as cualidades reprodutivas dos animais
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación financiará un programade avaliación das cualidades reprodutivas de machos de ovino e cabrún da asociación de criadores Ovica.
O proxecto, que conta cun orzamento de 50.000 euros, presentouse este martes en Castroverde, nun acto con persoas da asociación gandeira, no que se expuxeron as liñas de traballo a desenvolver nos vindeiros meses co obxectivo de facilitar a gandeiras e gandeiros información contrastada sobre as cualidades morfolóxicas e reprodutivas de machos de ovino e cabrún e asesoramento específico en relación co manexo e a alimentación dos sementais.
A deputada Iria Castro lembrou que Galiza conta co maior número de granxas do territorio español, con máis de 14.600” e subliñou que “o ovino e cabrún é un sector imprescindible para a vida no rural tal e como a coñecemos, por iso o apoio ao sector é unha prioridade na acción de goberno da área de Rural da Vicepresidencia, tanto á hora de articular axudas directas, como de configurar programas como O que non arde, que financia investimentos para pastoreo e manexo de gandería extensiva, ou Da Escola á Granxa”.
O programa de testaxe de machos, que conta coa colaboración de ADGS Acivo, desenvolverase en diferentes fases. Para comezar, farase unha avaliación sanitaria, xenética e reprodutiva dos machos presentes nas granxas das socias e socios de Ovica.
Coa información obtida, elaborarase un catálogo – en constante actualización- dos sementais que cumpren as garantías sanitarias e xenéticas requeridas, que servirá de guía para facilitar a compra de animais en condicións óptimas. Ovica emitirá tamén un certificado por cada semental que sexa analizado para acreditar a calidades seus reprodutores e crías.
O programa permitirá recoller e sistematizar información moi valiosa para a mellora das ganderías de ovino e cabrún, que ata agora carecen desta ferramenta para orientar decisións de compra ou de recría nas propias granxas.

O financiamento do programa dá continuidade ao apoio que a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven ofrecendo a Ovica desde o ano 2020, con axudas directas orientadas a crear un equipo técnico que consolidou a asociación como entidade de aconsellamento e lle permitiu abordar proxectos como, entre outros, a creación da marca Pastores de Galicia ou a elaboración dun proxecto de economía social para mellorar a viabilidade económica das granxas e que frutificou na Cooperativa Vélaro. Da man área de Rural, púxose en marcha tamén o Foro da Lá no Mercado de Abastos de Lugo, que marca o camiño para recuperar a valorización da lá como produto de calidade.