Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Efrén Castro avanza o cronograma para a instalación do videomarcador, coa estrea prevista para a fin de semana do 28 de marzo

O calendario de traballo acordouse con CB Breogán e Ensino, co obxectivo de afectar no mínimo a súa actividade

A empresa Mondo Ibérica comezará a vindeira semana os traballos de instalación do videomarcador do Pazo, que se executará en diferentes fases para afectar no mínimo á actividade de Ensino e CB Breogán e co obxectivo de estrear o equipo na fin de semana do 28 de marzo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro reuniuse nos últimos días coa empresa e con representantes dos dous clubs para acordar un calendario de execución compatible coa programación de adestramentos e partidos dos dous equipos, especialmente durante as tarefas de cableado e de izado, que requiren traballos en suspensión sobre a superficie da pista.

Dacordo coa cronoloxía prevista, os traballos de cableado concentraranse na semana do 16 ao 23 de febreiro e a instalación das pantallas e o izado realizaranse os días 12, 13 e 14 de marzo. As semanas seguintes dedicaranse a implementar o software e facer as probas necesarias de cara a estrea do videomarcador.

O CB Breogán manterá o horario habitual de adestramentos no Pazo durante todas as fases do traballo. Ensino trasladará os adestramentos á pista do Anexo en días puntuais, facilitando que as tarefas se realicen nos períodos propostos pola empresa.

Efrén Castro agradeceu “a colaboración para concretar un cronograma de traballo e facer a instalación do videomarcador, un equipo de alta gama que modernizará por completo a infraestrutura audiovisual do Pazo” e destacou que “se trata dun calendario de traballo realista, pensado para estrear o videomarcador na fin de semana do 28 de marzo”

O vicepresidente valorou tamén “o traballo do servizo de arquitectura da Deputación de Lugo para chegarmos ata este punto xa que, lembrou, a licitación da instalación do videomarcador requeriu dun estudio específico de cargas da cuberta”

A instalación do equipo, que supón un investimento de 266.583 euros, dará un salto tecnolóxico e visual ao Pazo. O videomarcador está formado por un prisma rectangular LED de 50 m² de esquinas curvas, complementado por un anel LED inferior de 8 m² coa mesma forma. En conxunto, disporá de 58 m² de superficie audiovisual, capaz de mostrar en alta calidade repeticións, gráficos, publicidade, estatísticas e retransmisións en directo.