Deputación de Lugo

A Deputación garantirá a circulación do transporte escolar ao seu paso pola LU-P-1402 en Cervantes

Debido aos danos acontecidos polas intensas choivas á altura da parroquia de Vilaver a institución provincial mantén restrinxido o tránsito por esta vía, que une San Martiño da Ribeira con Vilaquinte por Quindous, ao resto de vehículos

A Deputación de Lugo garantirá a circulación do transporte escolar ao seu paso pola estrada LU-P-1402, a vía que une San Martiño da Ribeira con Vilaquinte por Quindous, no concello de Cervantes. Tras os danos acontecidos polas intensas choivas, á altura da parroquia da Vilaver, a institución provincial decidiu restrinxir o tráfico desta estrada permitindo, exclusivamente, o paso do transporte escolar co fin de evitar desprazamentos alternativos excesivamente longos. 

Nese sentido, as familias deberán cruzar un treito duns metros camiñando -na zona que resultou máis danada- para posteriormente, subir aos nenos e nenas ao transporte escolar. Desde primeira hora da xornada de mañá, a Deputación mobilizará operarios provinciais á zona co obxectivo de garantir as máximas condicións de seguridade para os veciños e veciñas.

Seguindo os informes técnicos realizados a vía non reúne as condicións axeitadas para garantir unha circulación ordinaria, polo que o resto de vehículos non poderá facer uso da vía mentres se manteñan estas circunstancias. A circulación autorizada queda limitada exclusivamente ao bus escolar. Así mesmo, a institución provincial estableceu itinerarios alternativos, debidamente sinalizados, e fai un chamamento á veciñanza e ás persoas usuarias da vía que extremen a precaución e respecten a sinalización provisional instalada.

En canto ás obras necesarias para a reparación e o acondicionamento da LU-P-1402, a Deputación está a axilizar os trámites para que poidan realizarse o antes posible. Os servizos técnicos xa están a avaliar as intervencións necesarias para recuperar a normalidade na vía no menor tempo posible.