Cultura
Deputación de Lugo

Arte e flores para celebrar o Día de Rosalía: a Vicepresidencia repartirá láminas conmemorativas da data na Capela de Santa María e nos museos provinciais

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
DÍA DE ROSALÍA

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo agasalla un ano máis arte e flores para celebrar o Día de Rosalía. Coincidindo coa eféméride, a institución provincial repartirá  caraveis e láminas conmemorativas da data na Capela de Santa María, o 23 de febreiro, durante os concertos As literatas para Rosalía e nos museos  da Rede Provincial  – o Museo de Lugo,  o Museo do Mar de San Cibrao,  Pazo de Tor e Fortaleza de San Paio de Narla -, o 24 de febreiro.

Trátase de reproducións dunha creación da deseñadora e ilustradora Rocío Fernández Paz, inspirada no poema Sin Niño de Follas Novas, que traslada á linguaxe visual a dimensión íntima destes versos sobre a perda.   Os verdes azulados predominan na obra -acuarela e pastel sobre papel - que representa diferentes especies vexetais e pombas formando unha paisaxe que, explica a autora, se presenta como espello emocional.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “esta iniciativa que vimos desenvolvendo nos últimos anos da man de artistas, ilustradoras e creadoras da provincia reivindica a obra e a figura de Rosalía como fonte de inspiración e referente literaria, cultural e feminista, un legado que celebramos nesta data por todo o país”.

A Vicepresidencia da Deputación conta con 600 exemplares de láminas e caraveis que se repartirán gratuítamente nas datas sinaladas.

Concertos na Capela: As Literatas para Rosalía de Castro

O reparto de láminas conmemorativas fai parte da programación promovida pola área de Cultura para celebrar o Día de Rosalía, que inclúe outras propostas, como a xornada musical “As literatas para Rosalía de Castro”, que reunirá ao artista lugués Diego Flâneur e á banda Carabela arredor da poesía de Rosalía.

Diego Flâneur presentará Nebra Pecha, coincidindo co aniversario do álbum, unha obra marcada pola súa vinculacióncon ecos de autores como Uxío Novoneyra ou Lois Pereiro. O grupo Carabela, considerado unha das grandes revelacións da nova música galega, pechará a xornada cun suxerente directo no que cada tema se converte nun espazo habitado, propoñendo unha experiencia íntima e sensorial.

Os concertos completaranse cunha colaboración inédita entre Diego Flâneur e Carabela, na que musicarán versos da propia Rosalía de Castro. As actuacións, gratuítas e con entrada libre até completar a capacidade do local, serán o luns 23, a partir das 20.00 horas, na Capela de Santa María.