Deputación de Lugo

Carmela López acompaña á Xunta de Confrarías de Viveiro na presentación do cartel da Semana Santa

Viveiro
Semana Santa de Viveiro
A Presidenta da Deputación participou neste acto que se desenvolveu no concello mariñán e puxo en valor esta festividade relixiosa, declarada de Interese Turístico Internacional e á que a institución provincial achega 30.000€

Destacou que “defender a Semana Santa de Viveiro é defender patrimonio, identidade e oportunidades para a comarca” e subliñou o papel das confrarías que fan posible co seu traballo que esta festa sexa “unha gran dinamizadora social”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, acompañou este sábado á Xunta de Confrarías de Viveiro na presentación do cartel da Semana Santa. Durante o acto, a mandataria provincial puxo en valor esta festividade relixiosa, declarada de Interese Turístico Internacional e á que a institución provincial achega este ano 30.000€..

Na Casa do Concello de Viveiro, Carmela López destacou oimpacto real que xera esta cita en toda A Mariña e que é o exemplo de como a cooperación territorial multiplica resultados. Enmarcou nesa repercusión nos aloxamentos, restauración, comercio ou transporte o compromiso da Deputación, subliñando que “defender a Semana Santa de Viveiro é defender patrimonio, identidade e tamén oportunidades para a comarca”.

Puxo en valor durante a súa intervención o papel das confrarías, como custodias da tradición, da historia e do arte sacro e potenciadoras, co seu traballo dunha Semana Santa que proxecta o nome de toda a provincia, contribuíndo ao orgullo e á identidade compartido. Nese sentido, recalcou que “coa programación que tedes preparada volvemos ver que a Semana Santa é unha gran dinamizadora social”.

Entre a programación deste ano destaca o concerto que ofrecerá Carlos Núñez o 7 de marzo na igrexa de San Francisco; ou o pregón do xornalista Anxo Rodríguez, que lerá o pregón o 28 no Teatro Pastor Díaz. Ademais algúns dos pasos de mais interese artístico como o da Última Cea, creado en 1808; o do Encontro acompañado das tallas da Virxe da Dolorosa, de San Juan e da Verónica; o Vía Crucis; ou a procesión da Soidade, coñecida tamén como dos Caladiños procesionarán nas datas litúrxicas.