Deputación de Lugo

A Deputación inicia o estendido do aglomerado nun tramo da vía provincial que vertebra a costa de Barreiros

Barreiros
A institución destina preto de 210.000€ a este proxecto que afecta a un treito de algo máis dun quilómetro e que vai desde o inicio da estrada LU-P-0610 ata o punto quilométrico 1,422

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana os traballos de renovación do firme dun tramo da LU-P-0610, a vía provincial que conecta as praias da costa de Barreiros. Estas obras afectan a un treito de 1,272 quilómetros, concretamente, o tramo que vai desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,422. A empresa que está a realizar estes traballos é Construcciones Isidro Otero SL e o prazo de execución é de 3 meses.

O proxecto, para o cal a institución provincial destina 206.355€, inclúe a reapertura de cunetas, melloras na drenaxe e o alumeado público, a repavimentación con aglomerado. Posteriormente, realizarase o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas, instalaranse os cebreados necesarios nas zonas de aparcamento e colocarase a correspondente sinalización vertical, así como o mobiliario urbano. 

Trátase dunha actuación moi relevante para este municipio mariñán xa que esta estrada conta cun elevado volume de tráfico especialmente durante a época estival, ao tratarse do principal acceso ás praias e aos establecementos hostaleiros da costa. Este proxecto mellorará a seguridade viaria e o confort na circulación tanto para residentes como para visitantes.

Esta actuación dá continuidade a outros proxectos que a institución provincial xa acometeu nas vías provinciais ao seu paso por Barreiros. Neste sentido, a Deputación de Lugo xa rehabilitou cun investimento de 210.000€ a totalidade da estrada LU-P-0611, a vía que une o Barrio Novo na N-634 coa Praia de Coto e que ademais conecta directamente coa LU-P-0610. Así mesmo, a Xunta de Goberno do pasado venres aprobou unha nova actuación para mellorar, na súa totalidade, outra vía provincial deste concello mariñán. Trátase da LU-P-0602, que conecta San Cosme coa praia de Barreiros por Remior. As obras, que quedaron licitadas por case 180.000€, inclúen a reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.