A Vicepresidencia da Deputación colabora coa organización da Axeigada, o 7 de marzo en Rábade
A Vicepresidencia da Deptuación de Lugo apoia a organización da Axeigada, a terceira edición da foliada de primavera do colectivo de música tradicional rabadense Axeigo, que se celebrará o 7 de marzo.
A xornada inclúe obradoiros de iniciación ao baile con Miguel Carballo e Artur Puga, aos cantos de taberna con Manuel Santín e á composición para gaita galega con Pepe Vaamonde, unha sesion vermú con Charanga Benofán e Basaduriños e cantos de taberna polos locais de Rábade, entre as 7 e as 10 da noite. Concluírá con concertos da Murga de Cántigas e Frores, Lina e Lola e Os Enxebres de San Lázaro.
A deputada de Cultura Iria Castro destacou que “a organización da foliada é unha boa mostra da importancia da capacidade dinamizadora do tecido asociativo arredor da música tradicional que temos en toda a provincia. O seu traballo é clave na difusión da nosa música e tamén na dinamización das parroquias e concellos”.
A colaboración coa Axeigada de Rábade encádrase na rede de apoio que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrece a festivais e foliadas promovidos polo tecido asociativo para fomentar a presenza da música galega e en galego en eventos musicais por todo o territorio da provincia.