Deputación de Lugo

A Deputación repartirá 250 especies autóctonas este sábado para conmemorar o Día da Árbore

Carlos López
Medio Ambiente
DÍA DA ÁRBORE
O Deputado de Medio Ambiente participou na presentación da cita que organiza a Federación de Veciños e sinalou que “temos unha liña estratéxica centrada no coidado do medio ambiente, na posta en valor dos recursos naturais e na educación ambiental”

A institución provincial autorizará ademais a plantación de 25 acivros na contorna do Rato neste acto que se celebrará ás 12:00 horas

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, xunto ao Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e ao Presidente da Federación de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, participou este martes na Sala de Novas Tecnoloxías da Casa Consistorial de Lugo na presentación do Día da Árbore. A cita que terá lugar este sábado ás 12:00 da mañá no entorno do Paseo do Río Rato conta coa colaboración da Deputación e do Concello. 

Carlos López felicitou á Federación Veciñal por organizar unha iniciativa que leva máis de 30 anos promovendo a conciencia ambiental e destacou que “é un exemplo do compromiso da veciñanza co medio ambiente e co patrimonio de Lugo”. Sinalou que dende a Deputación “estamos comprometidos no coidado do medio ambiente, na posta en valor dos recursos naturais da provincia e na promoción da educación ambiental”. Nese sentido puxo en valor esta acción que terá lugar nunha zona da provincia de alto valor ambiental, que pertence a reserva da biosfera Terras do Miño, xestionada pola institución provincial.

Nesta edición do Día da Árbore, a Deputación colabora coa achega de 250 árbores autóctonas- castiñeiros, nogueiras e acivros- que se repartirán entre os asistentes, e coa autorización da plantación de 25 acivros nun terreo provincial. Pola súa banda, o Concello distribuirá outras 250 plantas medicinais, incluíndo romeu, perexil e lavanda. A actividade enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Árbore, que se celebra oficialmente o 21 de marzo. 

A Federación de Asociacións de Veciños da provincia promove esta xornada co obxectivo de concienciar sobre o coidado do medio ambiente, a importancia da reforestación e a conservación das zonas verdes, reforzando así o compromiso colectivo co territorio.