Preto de 3.000 persoas formáronse en novas tecnoloxías grazas ao programa da Deputación E para dixitalizarse, Lugo
Esta iniciativa, financiada con 750.000€ de fondos europeos e que rematará o vindeiro 20 de marzo, incluíu máis de 400 formacións gratuítas e presenciais que se desenvolveron desde o mes de marzo en concellos de menos de 5.000 habitantes
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entregou este mércores en Abadín os diplomas acreditativos aos participantes que veñen de completar algunha das accións formativas que se desenvolveron neste concello no marco do programa da Deputación E para dixitalizarse, Lugo. A través desta iniciativa, que a institución provincial puxo en marcha nos concellos de menos de 5.000 habitantes, realizáronse máis de 400 obradoiros gratuítos e presenciais relacionados coas novas tecnoloxías.
Rivera Capón entregou os recoñecementos aos alumnos e alumnas do colexio Aquilino Iglesia Alvariño, que se formaron no uso seguro e responsable de Internet, no manexo correcto das TIC; e en ciberseguridade, acoso e posibles estafas. Posteriormente, o Deputado achegouse ata o CEIP de Moncelos para entregar os diplomas aos adultos e adultas que aprenderon sobre o uso do teléfono móbil grazas a este programa.
Asegurou Pablo Rivera que “o que pretendemos desde a institución provincial con esta iniciativa é reducir a fenda dixital entre a veciñanza e fomentar a inclusión no territorio”. Recalcou ademais que “neste proxecto, que comezou en setembro e rematará o vindeiro 20 de marzo, participaron unhas 3.000 persoas de diferentes idades e colectivos”.
E para dixitalizarse, Lugo financiouse con 750.000€ de fondos europeos captados pola institución provincial ao abeiro do Reto Rural Dixital, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. As formacións deseñáronse co obxectivo de que os participantes adquiriran ou mellorasen coñecementos sobre o uso do ordenador; a Chave 365; a firma dixital ou a sede electrónica das administracións. Ademais, tamén se impartiron obradoiros sobre a banca electrónica; o uso seguro de Internet; plataformas de alimentación, deporte e vida saudable.