Deputación de Lugo
Infraestruturas

Comeza o aglomerado da estrada da Deputación que une Barbadelo e Vilei, en Sarria

Sarria
REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
A institución provincial destina 80.000 euros a esta actuación na estrada LU-P-5712, unha vía que presta servizo a distintos núcleos de poboación e a explotacións agrarias da contorna. Durante a execución dos traballos poderanse producir cortes puntuais de tráfico, que estarán debidamente sinalizados e para os que se habilitarán itinerarios alternativos

A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de aglomerado en quente na estrada provincial LU-P-5712, no concello de Sarria, unha vía que conecta a parroquia de Barbadelo co núcleo de Vilei.

A actuación desenvólvese no treito comprendido dende o inicio da vía ata o quilómetro 1,2, cun investimento de 80.000 euros, e que permitirá mellorar de xeito notable as condicións de circulación e a seguridade viaria.

A empresa Cholo SL é a encargada de executar uns traballos que, tras a reapertura de cunetas xa realizada, continúan agora co estendido do novo firme en aglomerado en quente. A intervención completarase co repintado da vía e a reposición da sinalización vertical.

Esta estrada cumpre unha importante función de servizo á veciñanza, facilitando a conexión entre núcleos de poboación, o acceso a vivendas e explotacións agrarias, así como a súa ligazón co Camiño de Santiago. O prazo de execución global das obras é dun mes, condicionado polas condicións meteorolóxicas.

Durante o desenvolvemento dos traballos poderanse producir cortes puntuais de tráfico, que estarán debidamente sinalizados, habilitándose itinerarios alternativos para garantir a mobilidade e causar o menor prexuízo no día a día da veciñanza.

Con esta actuación, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso cunha rede viaria máis moderna, segura e adaptada ás necesidades do rural, contribuíndo a mellorar as comunicacións no conxunto da provincia.

LU-P-5712