A Deputación achega 50.000€ a Vilalba para impulsar o FIV como motor turístico
Pilar García Porto valorou que esta cita musical “é un referente en Galicia e ten un impacto calculado de aproximadamente 1M€, unha cifra á que hai que engadir o retorno indirecto, que se traslada tamén ao ámbito social”
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un convenio de colaboración con Vilalba para a promoción do concello a través do FIV 2026. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou tras a sesión semanal que a institución provincial achegará 50.000€ e o Concello outros 120.000€ para sacar adiante este festival.
“O FIV é un referente en Galicia e que celebra cada primavera cunha programación de musica indie e pop con grandes nomes e talento emerxente”, valorou García Porto. A cita, que se celebra entre o 24 e o 25 de abril, conta este ano cun cartel “moi atractivo”, que inclúe artistas de renome como La M.O.D.A, Carlos Ares ou Ángel Stanich.
Subliñou a Deputada que o FIV ten un impacto calculado de aproximadamente 1M€, “unha cifra á que hai que engadir o retorno indirecto, que se traslada tamén ao ámbito social, coa contratación de subministros, servizos ou o persoal necesario para o seu desenvolvemento”. Valorou que coa chegada de miles de asistentes durante a fin de semana do festival, “Vilalba case dobra o seu número de habitantes no núcleo urbano, esgotando as prazas hoteleiras na vila e cun impacto tamén moi positivo na hostalería e no comercio local”.
García Porto enmarcou a colaboración no modelo de turismo polo que aposta a Deputación, baseado nas experiencias, para que o visitante viva a viaxe de maneira activa, emocional e participativa, porque segundo explicou “vivir algo memorable é o factor que define a competitividade dun destino”.