A Deputación inicia os traballos para reforzar un muro na LU-P-1801 entre Os Peares e Chantada
A Deputación de Lugo iniciou esta semana os traballos de emerxencia para reforzar un muro de sostemento situado á altura do quilómetro 15 na estrada LU-P-1801, que é a vía que comunica Os Peares e Chantada, ao seu paso pola parroquia de Nogueira de Miño.
As actuacións, que están sendo executadas pola empresa Xermolo S.A, teñen un prazo de execución previsto de catro meses e inclúen a realización dun estudo xeotécnico do terreo e o posterior reforzo da estrutura mediante micropilotes e ancoraxes, co obxectivo de estabilizar o muro e restablecer as condicións de seguridade da vía.
A intervención foi declarada de emerxencia tras constatarse unha situación de inestabilidade nun treito de aproximadamente 35 metros, derivada da aparición dunha fenda na calzada que afecta a este punto da infraestrutura.
Desde a detección da incidencia, o tramo permanece pechado ao tráfico. Trátase dunha obra complexa por ser unha zona de especiais condicións xeotécnicas e pola súa proximidade ao leito do río Miño, nun contorno de viñedos con actividade agrícola e tráfico local.
O orzamento para estes traballos supera os 330.000 euros e enmárcase nas intervencións urxentes da Deputación de Lugo para garantir a conservación e seguridade da rede viaria provincial.