Deputación de Lugo

Nace na Mariña unha nova asociación de obradoiros artesáns da man da Mancomunidade e a Deputación

mancomunidade da mariña
O Deputado de Recursos Sostibles participou este xoves na presentación deste colectivo, que xorde a través do proxecto A Mariña Artesá, unha iniciativa da Mancomunidade relacionada cos oficios tradicionais

As rutas de artesanía son unha porta aberta para descubrir unha cultura viva, unha economía ligada ao territorio e un xeito de facer que merece ser coñecido e recoñecido. Este paso que hoxe se dá ten unha dimensión especial porque nace da colaboración”, valorou o Deputado

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, participou este xoves no CENIMA no acto de presentación da nova Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns. Este colectivo xorde no marco do proxecto da Mancomunidade A Mariña Artesá, onde se recolle o traballo de diferentes profesionais relacionados cos oficios tradicionais. 

Francisco Cajoto recordou que a Deputación de Lugo “mantén unha colaboración constante con esta entidade mariñá co obxectivo de apoiar diferentes iniciativas e propostas como a que hoxe estamos a presentar. A creación da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña simboliza unión, compromiso e unha maneira intelixente de mirar cara ao futuro”. 

“O proxecto A Mariña Artesá abre novos camiños. Conecta concellos, crea sinerxías e constrúe un relato compartido que fortalece o conxunto. As rutas de artesanía son moito máis ca itinerarios: son unha porta aberta para descubrir unha cultura viva, unha economía ligada ao territorio e un xeito de facer que merece ser coñecido e recoñecido. Este paso que hoxe se dá ten unha dimensión especial porque nace da colaboración”.

O Deputado Provincial recordou “dende a Deputación, asumimos o compromiso de acompañar este camiño con responsabilidade e con visión. Apostamos por proxectos que conectan tradición e innovación, que respectan a esencia e ao mesmo tempo exploran novas oportunidades”.  

A este acto de presentación tamén asistiu o Presidente da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña, Marcelo Scapinachis, e a Presidenta da Mancomunidade da Concellos da Mariña, Rocío López, quen detallou que “hoxe queremos poñer en valor un camiño iniciado xa no ano 2011, cando entre a Mancomunidade e un grupo comprometido de artesáns e artesás se comezou a construír unha idea que ía máis alá da simple promoción: facer da nosa artesanía unha experiencia viva, auténtica e conectada co territorio.”

“Neste marco, déronse pasos moi relevantes: a creación da imaxe para o produto turístico, o estudo e caracterización da artesanía da Mariña que quedou plasmada nunha declaración de principios dos que saíron os criterios que ordenan o proxecto e con eles o impulso á Asociación de Obradoiros Artesáns”, valorou Rocío López.