Deputación de Lugo
Turismo

Carmela López e Marta Rouco supervisan o dispositivo para o inicio hoxe do FIV

FIV
Vilalba
A Presidenta da Deputación e a Alcaldesa de Vilalba asistiron ás probas de son previas ao arranque do festival indie, que conta cunha achega provincial de 50.000 euros

Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte actúan desde as 19:30, mañá será a quenda de La M.O.D.A, Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, supervisaron este mediodía o dispositivo para o inicio hoxe do Festival Independente de Vilalba (FIV). Asistiron ás probas de son previas ao arranque da cita musical, que volve contar este ano cunha achega provincial de 50.000 euros.

Carlos Ares, Celia Becks, Futuro Alcalde e Alcalá Norte actuarán desde as 19:30 horas, mentres que mañá será a quenda de La M.O.D.A., Ángel Stanich, Puño Dragón e Repion.

Carmela López destacou que o FIV “é un referente en Galicia, unha aposta intelixente do Concello de Vilalba, que sabe do impacto que ten na economía e da promoción turística que supón para o municipio”. Nese sentido, o festival ten un retorno calculado de aproximadamente un millón de euros, ao que hai que engadir a repercusión social derivada da contratación das subministracións necesarias, servizos ou persoal.

Pola súa banda, Marta Rouco sinalou que esperan “outra edición exitosa” do festival, que o Concello impulsa cunha achega de 120.000 euros. Unha cita con moitísima repercusión en termos turísticos, porque “pon Vilalba no mapa e ofrece a quen nos visita unha experiencia memorable que leva consigo da nosa terra”.