As filloeiras de Muimenta prepáranse para exaltar este 1 de maio o sabor da tradición, co apoio da Deputación
Os Deputados de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, e de Medio Rural e do Mar e Mocidade, Daniel García Fernández, participou este martes pola tarde en Muimenta na presentación da XXXV Festa da Filloa xunto ao xerente da Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, José Manuel Rus Rodríguez. Unha cita, á que a institución destina 3.000€ para volver a exaltar este produto típico este venres, 1 de maio, no recinto feiral Manuel Vila.
Durante a presentación, Xosé María Arias puxo en valor “o papel das mulleres que, ao longo dos anos, contribuíron a manter viva a tradición deste produto sinxelo na súa orixe, ligado á vida do rural, que se converteu nun sinal de identidade e nun recurso que xera actividade, encontro e dinamización”. Subliñou tamén “o traballo constante da organización e da veciñanza, que souberon manter e facer medrar unha celebración que naceu do local e que hoxe proxecta este territorio cara ao exterior”.
Neste sentido, destacou que desde a Deputación de Lugo “acompañamos esta festa porque representa unha maneira de facer baseada en apostar polo propio, poñer en valor o que somos e converter a tradición nun motor de futuro. A filloa é un produto sinxelo na súa orixe, ligado á vida do rural, que co paso do tempo se converteu nun sinal de identidade e nun recurso que xera actividade, encontro e dinamización”, subliñou Arias.
Exhibicións, música, obradoiros e mostras
A XXXV Festa da Filloa de Muimenta celebrarase o 1 de maio no recinto feiral Manuel Vila López, cunha completa programación ao longo de toda a xornada. Desde primeiras horas da mañá, o público poderá asistir á elaboración tradicional das filloas, á apertura de expositores de artesanía e produtos galegos, así como a diversas actividades culturais e exposicións, entre elas as promovidas polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo e a mostra dedicada a Castelao.
O pregón este ano correrá a cargo do xornalista David Valverde Cabaleiro. A xornada incluirá tamén actuacións musicais, sesión vermú, degustación de produtos típicos, pregón e entrega de premios do concurso de relato e debuxo, ademais de obradoiros, exhibicións e actividades para todos os públicos. A festa pechará pola tarde cunha programación musical e de animación, consolidándose como unha das grandes citas gastronómicas e culturais da provincia.