A Deputación participa nun evento gastronómico previo aos premios Dálle Like, cos que colabora
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes pola tarde no restaurante Cachivaches no evento gastronómico Abrindo Boca, unha cita culinaria que serve de antesala aos premios Dálle Like Galinfuencers 2026. A cita consistiu nunha degustación de catro tapas elaboradas polo chef Alejandro Méndez, nunha proposta centrada no produto local e na innovación culinaria.
A Deputación colabora con 3.000 euros nesta iniciativa, que busca recoñecer o talento dos creadores de contido galegos que promoven a cultura, a lingua e o territorio a través das redes sociais. A gala celebrarase o 16 de maio no Círculo das Artes, aberta ao público e ambientada nunha romaría tradicional con música e propostas gastronómicas.