A Deputación arranca a campaña de roza nas estradas provincias con 2,4M€ de investimento
A Deputación de Lugo iniciou este martes a campaña de desbroce e limpeza das marxes da rede viaria provincial, cun investimento de 2,4M€ destinados a mellorar a seguridade e garantir a conservación nos máis de 4.200 quilómetros de estradas que ten a institución provincial, a rede de estradas máis extensa de España.
A Presidenta da Deputación Lugo, Carmela López, anunciou o inicio desta tarefas e destacou o reforzo do dispositivo deste ano para o que, “intensificamos as actuacións de limpeza das marxes da rede viaria provincial, polo que na maioría dos concellos se intervirá dúas veces, o que supón un incremento superior ao 75 % na prestación do servizo”.
Este reforzo do Plan de Roza provincial permitirá incorporar máis actuacións de retirada de maleza, vexetación, matogueiras e especies arbóreas nas bernas, gabias e taludes; mellorando así a seguridade viaria, a visibilidade nas estradas, o estado de conservación da rede provincial e a prevención de riscos contra os lumes.
A campaña prioriza agora no seu inicio especialmente as zonas de praias, onde se concentra unha maior afluencia de tráfico e visitantes durante o verán. Neste sentido, Carmela López apuntou que o obxectivo “é garantir a seguridade viaria e reforzar a prevención nos puntos de maior tránsito”.
Nestes momentos, as empresas de conservación están a traballar en concellos como Láncara, O Vicedo, Portomarín, Guitiriz, Barreiros, Burela e Cervo, entre outros. O dispositivo está organizado en 24 zonas, que abranguen toda a rede viaria provincial e permiten executar os traballos de forma coordinada e simultánea en distintos puntos da provincia.
A Presidenta lembrou que o contrato foi modificado na pasada Xunta de Goberno cun incremento de 540.000 euros e que xa se atopa en execución. “Comezamos a campaña antes do mes de xuño e xa estamos a traballar para dar unha resposta inmediata”, recalcou a mandataria provincial.
Así mesmo, engadiu López que “a previsión é que cada estrada reciba dúas intervencións, unha na primavera e outra no verán, co obxectivo de reforzar o mantemento da rede viaria durante toda a campaña estival”.
As 24 zonas nas que está dividida a rede provincial para desenvolver os desbroces son as seguintes:
- Zona 1: O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol.
- Zona 2: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz.
- Zona 3: Muras, Xermade e Vilalba.
- Zona 4: Barreiros, Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
- Zona 5: Mondoñedo e Abadín.
- Zona 6: A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.
- Zona 7: Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.
- Zona 8: Castro de Rei, Pol e Meira.
- Zona 9: Lugo e Guntín.
- Zona 10: Castroverde e O Corgo.
- Zona 11: Friol.
- Zona 12: Baleira, Baralla e Láncara.
- Zona 13: Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.
- Zona 14: Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
- Zona 15: Becerreá e As Nogais.
- Zona 16: Cervantes e Pedrafita do Cebreiro.
- Zona 17: Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín e Palas de Rei.
- Zona 18: O Páramo, Paradela e Sarria.
- Zona 19: O Incio, Triacastela e Samos.
- Zona 20: Taboada e O Saviñao.
- Zona 21: Chantada e Carballedo.
- Zona 22: Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
- Zona 23: Bóveda, Pobra do Brollón e Monforte de Lemos.
- Zona 24: Pantón e Sober.