Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación lanza MencIA: unha estratexia propia de intelixencia artificial para a provincia

Intelixencia artificial
MencIA
Carmela López presentou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a folla de ruta da institución para abordar o cambio que se está a producir coa IA “desde o público, con garantías, con control sobre os datos e pensando na realidade concreta desta provincia”

“A innovación tecnolóxica tamén ten que servir para reforzar os servizos públicos e para acompañar aos concellos máis pequenos nun proceso que sería imposible afrontar en solitario”, argumentou a mandataria provincial sobre o propósito do proxecto

Explicou que o modelo da Deputación é propio, “baseado en código aberto, no que a supervisión humana segue sendo fundamental, no que os datos permanecen baixo control e no que a transparencia forma parte do propio deseño da estratexia”

O vindeiro martes, 26 de maio, o Goberno provincial elevará a Pleno unha proposta para aprobar definitivamente MencIA como a Estratexia de Intelixencia Artificial da Deputación de Lugo para os próximos anos

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou esta mañá, no Pazo de San Marcos, MencIA: unha estratexia propia de intelixencia artificial para a provincia. Fíxoo acompañada polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e os xefes do servizo de Comunicación e TIC’s e de Innovación e Participación Cidadá, Nicolás Fariña Verea e José Antonio Arias Lombardero. Encheron o Salón de Actos da sede provincial, traballadores e traballadoras da institución, Alcaldes e Alcaldesas dos diferentes concellos e outros responsables políticos.

“Este cambio xa está aquí. A intelixencia artificial vai transformar a maneira de traballar das institucións, e nós tiñamos claro que a Deputación de Lugo non podía quedar esperando a ver que facían os demais”, relatou a Presidenta. Explicou que desde a institución “tiñamos que prepararnos, pero facéndoo ao noso xeito: desde o público, con garantías, con control sobre os datos e pensando na realidade concreta desta provincia”.

MencIA nace “da idea de que a innovación tecnolóxica tamén ten que servir para reforzar os servizos públicos e para acompañar aos concellos máis pequenos nun proceso que, moitas veces, sería imposible afrontar en solitario”. Nese sentido, Carmela López detallou que a provincia de Lugo conta con 67 concellos, 66 deles están por debaixo dos 20.000 habitantes; “o que significa que falar aquí de intelixencia artificial é falar tamén de cohesión territorial e de igualdade de oportunidades”.

Conseguir que a transformación dixital non agrande a distancia entre territorios, senón que a reduza, " lograrémolo a través dun modelo propio, feito pola Deputación, baseado en código aberto e pensado para servir mellor aos nosos veciños e veciñas. Un modelo no que a supervisión humana segue sendo fundamental, no que os datos permanecen  baixo control institucional e no que a transparencia forma parte do propio deseño da estratexia”.  Destacou que o uso do galego era algo “irrenunciable”, “porque a nosa lingua ten que estar tamén nos espazos onde se vai construír o futuro”.

Nese sentido, a Presidenta avanzou que o próximo martes, 26 de maio, o Goberno da Deputación elevará ao Pleno da Deputación esta proposta para aprobar oficialmente MencIA como estratexia de Intelixencia Artificial da Deputación de Lugo para os vindeiros anos (2026-2030).

Catro piares da IA da Deputación

O Deputado e os técnicos explicaron que MencIA se fundamenta na idea de soberanía tecnolóxica realista, “de tal maneira que os datos sensibles non abandonen os servidores da institución”. Unha estratexia estruturada en catro piares: gobernanza e cumprimento,  que fixa os principios reitores, os órganos de goberno e os mecanismos de control normativo; transformación dixital interna, que ten o seu núcleo no Laboratorio MencIA e na transformación da eficiencia dos servizos provinciais; IA ao servizo dos municipios, que materializa a competencia de asistencia aos concellos; e ecosistema territorial e innovación, que articula a colaboración co tecido institucional, universitario e empresarial galego.

MencIA será ademais posible a través de dous eixos operativos, un interno que será o propio Laboratorio MencIA e un eixo territorial conformado polo Centro de innovación Territorial (CIT) da provincia de Lugo. Laboratorio MencIA é a infraestrutura tecnolóxica propia da Deputación para o desenvolvemento e despregamento de sistemas de IA de código aberto.  Laboratorio MencIA articúlase en tres compoñentes: Un motor, a infraestrutura tecnolóxica que executa os modelos de IA; unhas mans, as aplicacións e asistentes que permiten interactuar co sistema; e un cerebro, o sistema que conecta todos os elementos para que funcionen de maneira coordinada.

Aplicacións e asistentes ao servizo do persoal

Laboratorio MencIA contará ademais con diferentes aplicacións que permitirán, nun máximo de tres interaccións, realizar tarefas mecánicas e complexas en moito menos tempo, facilitando o labor dos traballadores e traballadoras, para que poidan dedicarse a aquelas cuestións de alto valor. Entre algunhas das aplicacións que se expuxeron: un resumidor de documentos, un extractor de texto, transcritor de audio, un monitor de edictos do BOE, un xestor intelixente do correo electrónico, un almacén de instrucións, unha calculadora de prazos da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, ou un analizador de convocatorias de axudas e subvencións.

Contará tamén cos chamados asistentes, chatbots especializados cos que o usuario interactúa mediante conversación natural. Unha das claves e que serán adestrados con instrucións de sistema específico e unha base de coñecemento pechada: non accede a Internet nin a información fóra do seu ámbito asignado.  Puxeron como exemplo a un profesor de IA; outro para elaborar memorias xustificativas en contratos; outro de contratación pública en entidades locais; un asesor en función pública; un centro de atención a usuarios; un asistente de documentación e formación operativa; un creador de prompts para axudar aos usuarios para escribir instrucións claras e detalladas para outras ferramentas de IA; un arquitecto de asistentes personalizados; e un asistente analítico con procura web.

Un horizonte de catro anos

MencIA terá un horizonte de implantación de catro anos, que comezará coa posta en produción das oito aplicacións e nove asistentes e a aprobación da estratexia no Pleno. No segundo semestre do 2026 e comezos do 2027 está prevista a constitución do Comité de Gobernanza e os primeiros pilotos. Está previsto que o despregamento interno completo se produza entre o 2027 e o 2028; e de cara ao final dos catro anos este novo ecosistema estea consolidado.