Deputación de Lugo

A Deputación reivindica en Lugo o talento das artesás como motor de futuro para o rural

miguel fernández
feira
emprendemento feminino
Miguel Fernández participou na presentación da 5ª edición da Feira de Primavera de Emprendedoras, que este ano leva de título Artesanía e Innovación no Rural e que se celebrará na Praza Maior cun programa que inclúe mesas redondas e 25 postos

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez,  participou este luns na presentación da 5ª edición da Feira de Primavera de Emprendedoras, organizada polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e que se celebrará o vindeiro sábado, 30 de maio, na Praza Maior de Lugo baixo o título Artesanía e Innovación no Rural.

Durante o acto, o Deputado reivindicou “o talento e a capacidade transformadora das mulleres emprendedoras do rural lucense”, facendo especial fincapé na artesanía. “Porque a artesanía fala do oficio, do saber facer e da identidade dun territorio, pero tamén fala de innovación, de deseño, de sustentabilidade e de novas oportunidades”, sinalou Miguel Fernández. 

Así mesmo, engadiu que “detrás de cada peza hai creatividade, horas de traballo e unha maneira de entender o mundo que pon valor no auténtico, no feito con coidado e no que nace da proximidade”. Neste sentido, defendeu o compromiso da Deputación cun rural “vivo, dinámico e con oportunidades”, no que o emprendemento conte con apoio institucional, visibilidade e espazos para o seu desenvolvemento.

O Deputado rematou destacando o protagonismo das mulleres participantes nesta edición, que contará con 25 postos de mulleres que exhibirán os seus produtos artesáns. “Esta feira serve precisamente para visibilizar o enorme talento que temos e para recoñecer o papel de tantas mulleres emprendedoras que están dinamizando o rural galego desde os seus proxectos”, apuntou.

Programa da xornada

A programación da quinta edición da Feira de Primavera de Emprendedoras inclúe dúas mesas redondas centradas na innovación e no futuro da artesanía, que se desenvolverán no seguinte horario:


• 11:00 – 11:45 h: Mesa redonda “Xuntas innovamos: cooperación e futuro na artesanía”
• 12:00 – 12:45 h: Mesa redonda “Artesanía circular e con propósito: posicionamento e potencial de vendas”.


A xornada contará ademais cunha demostración artesanal a cargo da empresa Fusaiola, na que as persoas asistentes poderán coñecer técnicas básicas de tecido en teares de sobremesa de peite ríxido. A partir das 13:45 horas, o evento completarase cun espazo de degustación con food truck, música e ambientación.