A Deputación pon en valor a proximidade dos coidados nunha reunión sobre Hemodiálise Domiciliaria que se celebra en San Marcos
Unha sociedade avanzada constrúese fortalecendo os servizos públicos e coidando a quen coida. Por iso cremos profundamente nunha sanidade pública de calidade, próxima e con capacidade para chegar a todas as persoas, vivan onde vivan”, subliñou Rivera
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na apertura da II Reunión de Hemodiálise Domiciliaria que se celebra o 29 e o 30 de maio. Este encontro, organizado polo servizo de Nefroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), reúne a numerosos expertos de toda España para tratar esta técnica asistencial centrada en mellorar a calidade de vida dos pacientes renais.
Rivera Capón recalcou que “a hemodiálise domiciliaria representa algo moi importante, porque devolve autonomía, devolve tempo e permite que moitas persoas recuperen parte da súa vida cotiá. Máis alá da tecnoloxía ou dos avances clínicos, ten unha enorme transcendencia humana”.
“Nunha provincia como Lugo, este avance adquire unha dimensión aínda máis importante. Coñecemos ben o valor de achegar os servizos ás persoas. Coñecemos o que supón percorrer quilómetros para recibir atención sanitaria. E coñecemos tamén a importancia que ten poder manter estabilidade, benestar e calidade de vida no propio fogar”, afirmou.
Nesta liña recalcou o Deputado Provincial que a institución provincial defende unha idea clara “unha sociedade avanzada constrúese fortalecendo os servizos públicos e coidando a quen coida. Por iso cremos profundamente nunha sanidade pública de calidade, innovadora, próxima e con capacidade para chegar a todas as persoas, vivan onde vivan”.
A programación aborda os principais retos e oportunidades deste tratamento e, concretamente, nesta primeira xornada estase a tratar o papel da hemodiálise domiciliaria asistida, o programa de pacientes expertos e autoaxuda e o impacto do manexo dietético, especialmente en cuestións como o control do potasio e o do fósforo. A segunda sesión continuará mañá no salón de actos do HULA e profundizará no acceso vascular para hemodiálise domiciliaria desde a perspectiva médica, de enfermería, de cirurxía vascular e desde o punto de vista do propio paciente.