Deputación de Lugo

Carmela López reivindica en Sarria unha Xustiza “na que poder confiar” ante a revolución tecnolóxica

Xornadas xurídicas
Sarria
carmela lópez
A Presidenta da Deputación inaugurou a 19ª edición das Xornadas Xurídicas, que baixo o lema A Xustiza que temos fronte a Xustiza que necesitamos, céntrase na dixitalización, a reorganización e o papel dos xuíces nun contexto de cambio

“Este foro conseguiu algo valioso: converter Sarria nun lugar de referencia para a reflexión xurídica e para o diálogo sobre algúns dos grandes desafíos do noso tempo”, valorou a mandataria provincial ante o público que encheu a Casa da Cultura municipal

A institución provincial colabora con estas xornadas, que se prolongarán ata o venres 5 de xuño con 300 persoas matriculadas, cunha achega de 10.000€ e a retransmisión en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, inaugurou este mércores as XIX Xornadas Xurídicas de Sarria Román García Varela, que este ano poñen o foco na transformación do sistema xudicial. Baixo o lema A Xustiza que temos fronte a Xustiza que necesitamos, a Casa da Cultura da localidade acolle estes días a destacadas figuras do ámbito xurídico e institucional, entre elas o presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido; e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Ignacio Picatoste, para reflexionar sobre o futuro da Xustiza nun contexto de transformación tecnolóxica e social.

“Este foro conseguiu algo valioso: converter Sarria nun lugar de referencia para a reflexión xurídica e para o diálogo sobre algúns dos grandes desafíos do noso tempo”, valorou a mandataria provincial. “Con frecuencia escoitamos que o gran reto das institucións consiste en cambiar para adaptarse aos novos tempos”, argumentou, “pero sen perder aquilo que nos fai recoñecibles ante a cidadanía”. 

Nun momento marcado pola revolución tecnolóxica e pola aparición de novas ferramentas como a intelixencia artificial, a cidadanía demanda institucións capaces de modernizarse sen renunciar aos principios que sustentan a confianza pública. "A cidadanía non espera unicamente unha Xustiza máis rápida ou máis moderna; espera unha Xustiza na que poder confiar", concluíu.

Lembrou a Presidenta que antes de que a Deputación aprobase a súa estratexia de intelixencia artificial, “fixémonos unha pregunta moi parecida á que inspira estas xornadas. Preguntámonos que institución queremos ser dentro de dez anos, pensando que a innovación non é un fin en si mesmo”, nese sentido, respondeu que “en momentos coma este é cando resulta máis importante preservar aquilo que non debería cambiar nunca: a transparencia, a responsabilidade pública, a rendición de contas e o compromiso co interese xeral”.

As Xornadas Xurídicas de Sarria celébranse entre hoxe e o vindeiro venres, 5 de xuño e pódense seguir en directo a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación. A institución provincial colabora coas Xornadas Xurídicas de Sarria a través da retransmisión en streaming e unha achega de 10.000€ a organización desta cita de referencia.

Un ano máis, as conferencias que se imparten terán recoñecemento universitario, de maneira que as 300 persoas anotadas a través da UNED, obterán 0,5 créditos ECTS pola súa participación.

Entre as autoridades presentes na xornada inaugural estaba tamén o Alcalde de Sarria, Claudio Garrido; ou a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira. A primeira mesa redonda centrouse en como construír unha Xustiza máis eficaz, próxima e adaptada ás necesidades actuais desde unha perspectiva humana e tecnolóxica.