Deputación de Lugo

A Deputación inicia en Abadín as obras para rehabilitar a estrada que une Foxas e Canteirada

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Abadín
Inviste máis de 300.000€ para mellorar a drenaxe, acondicionar o firme co estendido de aglomerado en quente e repoñer a sinalización ao longo de case todo o seu trazado

A Deputación de Lugo vén de iniciar en Abadín as obras para rehabilitar a práctica totalidade do trazado da LU-P-0108, que é a estrada que comunica os núcleos de Foxas e Canteirada. A institución provincial inviste máis de 300.000€ nun proxecto que acondicionará do punto quilométrico 0,675 ao 6,245.

Trátase dunha vía fundamental para a mobilidade interna do municipio, porque enlaza ademais ambos puntos coa estrada nacional N-634. Unha infraestrutura esencial dos desprazamentos diarios da veciñanza, porque dá acceso ás explotacións agrogandeiras da zona e conecta coa rede viaria principal.

Os traballos comezaron coa reapertura de cunetas para a mellora da drenaxe, e inclúen tamén o acondicionamento do firme co estendido de aglomerado en quente e a reposición da sinalización vertical e horizontal.

Esta actuación forma parte do compromiso da Deputación coa mobilidade da provincia. O Goberno provincial entende que as comunicacións son unha ferramenta clave para apoiar a actividade económica, especialmente no sector agrogandeiro, forestal e turístico.

A rede de estradas da Deputación é unha das máis extensas de España, con máis de 4.200 quilómetros, polo que o seu mantemento resulta estratéxico para vertebrar o conxunto da provincia.