O Vicedo volverá revivir a súa historia coa IX Romaxe Viquinga que impulsa a Deputación
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves na Casa da Cultura do Vicedo na presentación da IX edición da Romaxe Viquinga 2026, que se celebrará os días 24 e 25 de xullo. Un evento que inclúe a representación do desembarco normando na praia de Area Grande, ou actuacións musicais, entre outras moitas actividades. A institución provincial colabora con este evento, así como con outras propostas turísticas, cunha achega económica de case 19.000€.
García Porto recalcou que “apoiamos esta cita a través do Plan Deputación. Unha ferramenta que distribuímos de xeito equilibrado e que lles permite aos concellos planificar e executar actuacións coma esta que presentamos hoxe”. Nese sentido, recalcou a Deputada que con este apoio aos concellos “dinamizamos directamente a vida social e económica da provincia, ao tempo que consolidamos o noso modelo de turismo: un turismo de calidade e sostible que pon en valor a nosa riqueza patrimonial, sobre todo no rural”.
Así mesmo, definiu a Romaxe Viquinga como “un dos eventos máis singulares e atractivos da comarca mariñá” e fixo especial fincapé en que “cada ano consegue atraer a milleiros de visitantes, chegados de diferentes puntos da xeografía galega, ata O Vicedo e ata a Praia de Area Grande. O que supón un importante revulsivo económico para esta zona e para todo o conxunto da provincia”.
Rematou a súa intervención agradecendo especialmente á Asociación Os Cabaleiros de Rías Altas, voluntarios, administracións e veciños e veciñas “que fan posible que esta cita se celebre ano tras ano”.
No acto, no que tamén se expuxo un vídeo resumen da edición pasada, a Deputada estivo acompañada polo Alcalde do Vicedo, José Novo Martínez, e o ilustrador que realizou o cartel oficial, Cristian Caruncho, entre outras autoridades.