Deputación de Lugo
Turismo

O Festival Aturuxos de Bravos contará cun cartel de artistas galegos consagrados co apoio da Deputación

Festival Aturuxo
O Deputado de Recursos Sostibles participou na mañá deste sábado en Ourol na presentación da décimo cuarta edición deste festival cultural de referencia na Mariña, e que esta tarde ás 19:30 horas quentará motores cun concerto de Aló Vai, sorteos e unha comida popular en Sargadelos

A cita, con acampada e entrada de balde, celebrarase o vindeiro 18 de xullo na parroquia ourelá de Bravos, cun cartel que estará formado pola Banda da Balbina, Sabela, Vimbio, Pandereiteiros do Inferno e Tumba e Dálle

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, xunto ao Alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, e membros da Asociación Cultural Aturuxeiros, participou este sábado pola mañá no atrio da igrexa de Bravos na presentación da décimo cuarta edición do Festival Aturuxo de Bravos. O evento, que se celebrará o vindeiro 18 de xullo nesta parroquia ourealá, reunirá a artistas consagrados do panorama musical galego co apoio da Deputación de Lugo.

Francisco Cajoto felicitou á organización por consolidar unha cita que definiu como un importante revulsivo económico e un referente cultural na Mariña. “O Aturuxo non é só unha cita musical, senón a demostración de que os grandes proxectos non dependen do tamaño dun lugar, senón da capacidade das persoas para traballar xuntas por un obxectivo común”, sinalou destacando ademais o labor desinteresado e continuado de todas as persoas implicadas en cada edición.

O Deputado lembrou que a institución provincial renova o seu compromiso con esta cita á que achega preto de 21.000€, para financiar distintos aspectos da organización do festival, como a contratación de bandas musicais, a instalación do escenario e do equipamento de son, así como outras necesidades loxísticas, entre elas a colocación de aseos e o alugueiro de carpas. Segundo indicou Cajoto, “trátase dunha colaboración que encaixa perfectamente cos valores nos que cremos, porque para nós apoiar este festival, é apoiar a cultura galega, o asociacionismo, a participación veciñal e o futuro do noso rural”.

Con motivo da presentación do cartel, a organización celebra este sábado pola tarde, ás 19:30 horas, un acto especial no espazo cultural Sacabeira, na contorna de Sargadelos, que servirá tamén para quentar motores de cara ao festival cun concerto do grupo Aló Vai, ademais de sorteos e unha comida popular. 

O Festival Aturuxo consolídase así como un espazo de encontro interxeracional que aposta pola música en galego, combinando xéneros como o folk, o rock e outros estiloscontemporáneas, e contribuíndo a dinamizar a vida cultural do rural da comarca Mariñá e do conxunto da provincia de Lugo.

Recoñecidos artistas e bandas do panorama galego

O cartel do Festival Aturuxo de Bravos inclúe na súa décimo cuarta edición a actuación de cinco artistas e bandas de renome do panorama galego. Deste xeito, tocarán os grupos da Banda da Balbina, Sabela, Vimbio, Pandereteiros do Inferno e Tumba e Dálle. O festival contará con acampada e entrada de balde, e terá lugar o 18 de xullo na parroquia de Bravos, no Concello de Ourol.